Encontro para o fomento do acordeón diatónico
Organizado polo colectivo diatónico galego CODIA
Neste vindeiro fin de semana, o primeiro de maio, temos a sorte de que os de Codia escollesen Lodoselo, o CDR O Viso, para celebrar aquí este encontro diatónico do que vos informamos. Organizado polo colectivo diatónico galego CODIA o programa recolle algún concerto e foliada especialmente pensada para presentarse e estar coa nosa xente (do Centro de día, da vivenda comunitaria, veciñanza...). Moitas grazas!
O Colectivo diatónico galego CODIA é unha asociación de recente creación que ten como finalidade o fomento do acordeón diatónico en tódalas súas forma e contextos culturais. Nace co obxectivo de promover, preservar e revitalizar o acordeón diatónico, fomentando a súa práctica e difusión dentro da música tradicional galega e noutras expresións artísticas.
O acordeón diatónico ten a característica específica de que a nota que emite cada tecla é bisonora; distinta segundo entre ou saia o aire; segundo pechemos ou abramos o fuelle. Dun lado as "reas" ou filas que conforman a melodía, e do outro os botóns que conforman os baixos, os acordes que acompañan a melodía.
Un grupo de 7 persoas estivo este domingo ultimando a preparación en Lodoselo e Vilar de Santos deste evento no que participarán 30 persoas; repartidas na mañá do sábado en dous obradoiros con Alberto Núñez e Sonsoles Penadique. Pola tarde unha Masterclass con Carlos Quintá e Pedro Pascual así coma un obradoiro de baile e danza tradicional con Patri S. Seoane.
A xornada rematará na Arca co Concerto presentación “De Botóns”, un proxecto que recupera e reinterpreta máis de cen melodías tradicionais galegas adaptadas para acordeón diatónico.
“Dálle con nós ós botóns” é o seu convite a que participemos, a que nos sumemos a algunha das actividades abertas que teñen programadas para o venres pola tarde: recebemento e presentación, concerto de Liv Hallum, foliada diatónica.