A Plataforma Loita Pediátrica da Limia homenaxea ao pediatra Luís cun libro de debuxos infantís e reafirma o seu compromiso coa sanidade pública
A Plataforma Loita Pediátrica da Limia reafirma o seu compromiso coa defensa da sanidade pública e denuncia a situación crítica que levou á súa creación no outono de 2023.
A Plataforma Loita Pediátrica da Limia organizou un emotivo acto de homenaxe ao pediatra Luís, que se xubila tras anos de dedicación ao centro de saúde de Xinzo de Limia. No evento, fíxoselle entrega dun libro especial que recolle debuxos realizados por nenos e nenas de toda a comarca da Limia, unha iniciativa que contou coa colaboración de tódolos colexios e das Anpas da zona. Tamén recolle testemuños de moitas familias que quixeron ter voz na loita pola sanidade pública.
O libro, que é unha escolma de debuxos cheos de cariño e agradecemento, simboliza o profundo impacto que o doutor Luís tivo na vida de tantas familias da Limia. A súa dedicación e profesionalidade deixan unha pegada imborrable na comunidade.
A Plataforma Loita Pediátrica da Limia reafirma o seu compromiso coa defensa da sanidade pública e denuncia a situación crítica que levou á súa creación no outono de 2023. Naquel momento, 1700 nenos e nenas da comarca estaban sendo atendidos de maneira indigna cun único especialista, mentres a Consellería de Sanidade ignoraba as súas necesidades e desviaba recursos cara á sanidade privada.
Grazas á loita incansable das familias e á solidariedade da veciñanza, conseguiuse manter dous pediatras no centro de saúde de Xinzo tras a xubilación do doutor Luís. Este logro demostra que a unión e a mobilización cidadá son fundamentais para defender os dereitos básicos e garantir unha atención sanitaria pública e de calidade.
A Plataforma continuará vixiante e activa, esixindo que as autoridades cumpran co seu deber de proporcionar servizos sanitarios adecuados e accesibles para todos, independentemente de onde vivan. A loita pola sanidade pública non remata aquí, e seguiremos traballando para que ningunha familia teña que recorrer á sanidade privada por falta de alternativas.