Da man da Asociación Cultural “A Pantalla”, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, volve a Feira das Mozas unha vez máis.
Por cuarto ano consecutivo a A. C. A Pantalla volve a celebrar a Feira das Mozas, o vindeiro 10 de maio.
Este día, que intenta facer memoria do pasado da vila de Xinzo de Limia, xa se ergue como unha data clave dos apaixonados da historia e a tradición. Destaca, dentro da programación da xornada, dous grandes eidos: os saberes tradicionais nas súas moitas vertentes e a música e o baile como colofón da xornada.
De novo, Asociación Cultural “A Pantalla”, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, celebrará a súa Feira das Mozas e con esta xa sería a 4ª edición de maneira ininterrompida.
Este evento, que naceu coa intención de recuperar a historia das feiras limiás, e concretamente a Feira das Mozas, pretende por en valor os saberes tradicionais dos nosos devanceiros mediante unha chea de actividades que van dende os xogos tradicionais ata a música e o baile.
As feiras de Xinzo foron un dos espazos máis importantes tanto a nivel social, económico e cultural que tivo a nosa comarca. Son estes tres piares os fundacionais para que a A. C. “A Pantalla” traballe en recuperar, divulgar e protexer as feiras como lugar de irmandamento e intercambio cultural.
Nesta 4ª edición, que se celebrará este ano o 10 de maio, o sábado máis próximo ó 14, día propio da feira, contaremos cunha chea de grupos musicais, tanto locais como foráneos destacando “Lirolaio”, “Tarde Piache”, “Os Ghalos d’Antioquia” ou a A. C. Santaia de Oleiros.
Como peche do plano musical e prato forte da xornada celebraráse unha verbena da man de “Música de Cecebre” o máis puro xeito das verbenas dos anos 40.
Todo isto estará acompañado, como non podería ser menos, do 3º Mercado de Artesanía, que cada ano non para de crecer, onde poderemos ver unha variada mostra de oficios tradicionais, como a cestería, o traballo co liño ou a feitura de corozas.
Un dos eidos nos que a Asociación queremos mellorar é, sen dúbida, a parte infantil, onde destacará a actuación do grupo Os Monifates, cunha mostra de monicreques tradicionais, acompañados por unha chea de instrumentos que lle porán música como a zanfona, o pifio, a gaita e moitos máis.
O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, quixo destacar “o valor desta celebración que xa forma parte do calendario cultural da vila. A Feira das Mozas é unha oportunidade para recoñecer a nosa historia e para que Xinzo reviva ese espírito de feira como punto de encontro, música e tradición. Como Concello, seguiremos apoiando iniciativas que nacen da xente e que fan medrar o orgullo polo noso”.
Dende a A. C. “A Pantalla” queremos remarcar a grande importancia que teñen este tipo de eventos para seguir crecendo e creando tecido veciñal, así como para por en valor as nosas tradicións, salvagardas da identidade do noso pobo. Por suposto, convidamos a tódolos veciños e veciñas de Xinzo e dos arredores a participar nesta nova edición, iso si, ataviados como daquelas, da década dos anos 50, momento máis álxido das nosas feiras.