Máis de 40 festas históricas de toda España reúnense esta fin de semana en Xinzo.
Xinzo de Limia converterase así no gran escenario da historia vivida
Todo está listo en Xinzo de Limia para acoller, esta fin de semana, a Asemblea Anual da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas (AEFRH), un evento que reunirá na vila a representantes de case medio cento de festas históricas de toda España.
A organización corre a cargo da A.C. Civitas Limicorum e da propia AEFRH, coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia e da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia.
Con esta asemblea, Xinzo recolle o testigo da cidade andaluza de Linares, que acolleu o encontro nacional en 2024, e deixará a testemuña para o vindeiro ano, na cidade de Lugo, reforzando así o papel de Galicia como referencia estatal no mundo da recreación histórica. A data fíxose coincidir co 25º aniversario da A.C. Civitas Limicorum e tamén da AEFRH.
Ao longo da fin de semana desenvolveranse reunións internas, visitas culturais e actividades de convivencia entre persoas que representan todas as épocas da historia. Unha verdadeira celebración da diversidade, da memoria compartida e do traballo que se realiza en moitas vilas e cidades do país para recuperar e poñer en valor o seu pasado.
Un dos momentos máis agardados será o gran desfile de recreación histórica, que terá lugar o sábado 10 de maio ás 20:00 horas, con saída desde o MUGAE (Museo Galego do Entroido) e chegada á estación de autobuses. Participarán nel máis de 200 persoas ataviadas con vestimentas de distintas épocas, nun percorrido que amosará a riqueza e diversidade das festas históricas de todo o Estado.
Xinzo de Limia converterase así no gran escenario da historia vivida, nunha fin de semana na que os hoteis da comarca colgan o cartel de completo, e na que se espera unha importante repercusión cultural, turística e institucional.