O Entroido 2025 tivo un custo de 141.000 €
Por segundo ano consecutivo, sabemos o que costou o Entroido
Case o 50% do custe asúmeo a Xunta, Deputación e empresas
O Concello de Xinzo de Limia fixo público o balance económico correspondente ao Entroido 2025, unha das festas máis destacadas do calendario galego e único Entroido declarado de Interese Turístico Internacional en Galicia.
Con esta publicación búscase ofrecer á cidadanía unha información clara e accesible sobre os gastos e ingresos asociados á celebración desta festa, que cada ano atrae milleiros de persoas e representa un dos principais motores culturais e económicos da vila.
O investimento total realizado para o desenvolvemento do Entroido foi de algo máis de 141.000 euros. Esta contía permitiu financiar unha programación ampla e diversa ao longo de cinco semanas, con concertos, orquestras, charangas, animación infantil, actividades tradicionais, infraestruturas, servizos de seguridade, campaña de comunicación e premios, entre outras partidas.
Cómpre destacar que boa parte deste orzamento foi sufragado grazas ao apoio de diferentes entidades colaboradoras, tanto públicas como privadas. A achega máis significativa foi a da Axencia de Turismo de Galicia, cunha subvención de 40.000 euros, á que se suman outras contribucións como o patrocinio de Abanca, colaboracións empresariais e os ingresos procedentes da instalación de atraccións e postos. En total, superouse a cifra de 62.000 euros en ingresos alleos ao orzamento municipal.
O custe neto do evento para o Concello situouse por debaixo dos 80.000 euros. Esta cifra considérase axustada e proporcionada tendo en conta o volume e a calidade da programación ofertada, así como o impacto económico e mediático que o Entroido supón para Xinzo e para toda a comarca da Limia.
Desde o Concello insístese na importancia de manter este tipo de celebracións como elemento de dinamización e proxección exterior do municipio, e na necesidade de xestionalas con criterios de responsabilidade e transparencia.
A información completa do balance está dispoñible para consulta pública na páxina web municipal, na sección lateral de anuncios para a veciñanza.