A exposición polo 50 aniversario da Casa de Rosalía chega a Xinzo de Limia
A mostra poderá visitarse ata o 18 de maio.
A praza Carlos Casares de Xinzo de Limia acolle dende esta semana a exposición itinerante “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, organizada pola Fundación Rosalía e comisariada polo museólogo Pepe Barro. A mostra poderá visitarse ata o 18 de maio.
A través de imaxes, textos e testemuños, a exposición repasa a historia da Casa-Museo de Rosalía de Castro, símbolo do galeguismo e da memoria colectiva, e pon en valor o esforzo popular que permitiu mercar, restaurar e musealizar o inmoble en plena ditadura franquista. Foi un fito cultural e simbólico conseguido grazas á colaboración de milleiros de persoas e entidades de Galicia e da emigración.
A exposición chega a Xinzo grazas á colaboración entre a Fundación Rosalía, a Deputación de Ourense e o Concello de Xinzo de Limia, que segue apostando pola cultura e a memoria como sinais de identidade colectiva.