XINZO perde máis de 130.000€ pola imprudente xestión da Concelleira de Deportes.
Xinzo non verá en 2025 a esperada terceira edición ao cortar a liña de colaboración a concelleira cos axentes organizadores do acto.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en Xinzo de Limia, fai unha denuncia pública das consecuencias dunha “xestión caprichosa, imprudente e interesada” da edila de Deportes, Cristina Campero, que priva a Xinzo de 132.000 € a consecuencia de perder a proba deportiva de obstáculos O Camiño Race (OCR) que se celebrou nos últimos anos na vila Limiá.
O evento deportivo congregara 450 participantes na súa primeira edición e 690 na segunda, en 2024. A edición de 2025 traía consigo unha subida exponencial de nivel ao entrar no circuíto estatal polo que o número de deportistas superaría amplamente as 1.000 acreditacións. Cun orzamento de 53.000€, o impacto económico en Xinzo debería alcanzar os 132.500€ aplicando a técnica correspondente de análise de multiplicador económico.
A proba, organizada por diferentes axentes entre os que destacaba o centro deportivo Fussion Fitness, contaba coa colaboración de diversas empresas e colectivos da Limia así como a participación de arredor dun cento de persoas voluntarias, o que mostra o seu enraizamento coa xente de Xinzo.
Xinzo non verá en 2025 a esperada terceira edición ao cortar a liña de colaboración a concelleira cos axentes organizadores do acto. Cristina Campero, que en ningún foro nin público nin privado deu argumentacións sensatas, menosprezou o traballo que se viña facendo por parte da organización, chegando a increpar ó propio equipo.
A edila de deportes foi preguntada a este respecto no último Pleno, no que se limitou a asegurar que “para no futuro se contrataría a unha empresa que organizara a proba”. Esta medida é criticada duramente polo grupo do BNG ao considerar que significa perder un evento comunitario para convertelo nunha deriva privada de cartos públicos, seguindo a liña que vén marcando o actual Grupo de Goberno como se comprobou especialmente no Entroido ó prescindir da Comisión veciñal.