A Deputación acolle a sinatura do convenio e dos estatutos da AECT Raia Seca e Gerês-Xurés

A Deputación acolle a sinatura do convenio e dos estatutos da AECT Raia Seca e Gerês-Xurés

Luis Menor sinalou que o gran obxectivo común desta AECT “baséase en mellorar os servizos dos nosos veciños, loitar contra a despoboación, comprometernos coa vertebración do territorio e, en definitiva, situar ás persoas no centro das nosas políticas nesta rexión transfronteiriza".

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu esta onteo acto institucional de sinatura dos estatutos e do convenio da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Raia Seca e Gerês-Xurés. O evento, que foi presentado polo alcalde de Muíños e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, estivo presidido polo presidente provincial, Luis Menor; polo conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Diego Calvo; o vicepresidente da CCDR Norte de Portugal (Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional), Beraldino Pinto; o director Xeral de Relacións Exteriores coa UE, Jesús Gamallo; o delegado Territorial Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; o presidente da Cámara Intermunicipal do Alto Minho, Manoel Batista; o representante da Cámara Intermunicipal do Alto Támega e Barroso e vicepresidenta da Cámara de Montealegre, Ana Isabel  Alves Días; e o representante da Cámara Intermunicipal  do Cávado e vicepresidente da Cámara terras do Bouro, Adelino Cunha; así como os alcaldes e alcaldesas de Baltar, Bande, Cualedro, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, Monterrei, Oímbra, Padrenda, Quintela de Leirado e Verea.

250506 AECT 5

O presidente provincial, Luis Menor, lembrou que a Deputación aglutina neste proxecto aos 13 municipios da provincia e sinalou que “estamos ante un instrumento maduro para unha rexión transfronteiriza única en Europa, onde a “Raia”, lonxe de ser unha fronteira que nos separa, é algo que nos fai sentir unidos”. Lembrou tamén Menor que no pleno do pasado 28 de marzo foi aprobado o convenio hoxe asinado, e agradeceu a todos os grupos que fose por unanimidade.

Obxectivo común

Ademáis de recoñecer o valor “dun aliado fiel” como é a Xunta en materia de cooperación, Menor sinalou que o gran obxectivo común desta AECT “baséase en mellorar os servizos dos nosos veciños, loitar contra a despoboación, comprometernos coa vertebración do territorio e, en definitiva, situar ás persoas no centro das nosas políticas nesta rexión transfronteiriza".  Neste senso, o presidente da Deputación fixo referencia a que esta agrupación europea encádrase na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, “e será a 4ª que se constitúe nese ámbito de colaboración co país veciño, conscientes como somos da necesidade e, sobre todo, das vantaxes que ten a unión entre ambos lados da raia, que non fronteira”.

Exemplos activos de cooperación transfronteiriza

Tamén lembrou que a Deputación de Ourense vai colaborar coa Xunta na coordinación dos proxectos dos concellos integrados no Xurés, no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza de España e Portugal (Poctec), relativos a proxectos de acción ambiental e de fomento do ecoturismo na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés que levarán conxuntamente a Xunta de Galicia e o Instituto da Conservaçao da Natureza e das Florestas de Portugal. “E porque tamén o Goberno galego cre na irmandade luso-galaica, aí temos ese proxecto de mellora das comunicacións entre Celanova e a fronteira da Magdalena, logo da construción tamén da autovía AG-31 que une Ourense con Celanova”, sinalou Menor, quen tamén lembrou outros exemplos de cooperación con Portugal como foi programa transfronteirizo Raia Termal, un proxecto que, ao longo de seis anos e ata 2021, “creou unha rede de cooperación pública entre o sur da provincia de Ourense e o norte de Portugal para potenciar a riqueza termal desta área”.

Oportunidade compartida

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Diego Calvo, subraiou a importancia estratéxica do acto de sinatura de hoxe, “pois é algo máis que unha formalidade administrativa: é un paso decisivo para completar o mapa da cooperación transfronteiriza”, lembrando tamén o “profundo valor simbólico do que onte foi unha fronteira e hoxe é unha oportunidade compartida”.

250506 AECT 6

Valoración dos socios portugueses

En representación das comunidades portuguesas integrantes da AECT falou o presidente da Cámara Intermunicipal do Alto Minho, Manoel Batista, quen lembrou que coa sinatura de hoxe “chegamos ao fin dun longo camiño, cun traballo intenso en conxunto e colaboración activa para un traballo de excelencia nos próximos anos”. Na mesma liña tamén se expresou o vicepresidente da CCDR Norte de Portugal (Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional), Beraldino Pinto, quen valorou este logro acadadado “coa dinámica da proximidade de pensamento e a unión dos problemas e obxectivos a ambos lados da Raia".