​O delegado reivindica a utilidade social deste programa do Goberno de España que posibilita prácticas remuneradas durante o verán en zonas rurais

Nova edición de programa "Campus Rural"

Nova edición de programa "Campus Rural"

Os estudantes seleccionados por cada universidade poderán escoller prazas en concellos do rural das catro provincias, tanto en empresas como en administracións públicas e entidades sociais

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanzou hoxe unha nova edición do programa ‘Campus Rural’ do Goberno en Galicia, que permitirá que estudantes universitarios accedan durante este verán a prácticas remuneradas en pequenos concellos das catro provincias. Pedro Blanco informou que o programa ofrece neste momento 45 ofertas de bolsas tanto en administracións públicas, como empresas e entidades sociais de zonas do rural, ás que poderán acceder os estudantes que seleccionen previamente a tres universidades públicas de Galicia.

Pedro Blanco reivindicou a utilidade social deste programa, que puxo en marcha o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no curso 2021-2022 co obxectivo de conectar a mocidade coa realidade laboral dos concellos do Reto Demográfico e das zonas rurais. O delegado destacou que esta iniciativa permite que os mozos e mozas constaten que no rural tamén hai innovación e oportunidades. Ao tempo, cualificou como unha oportunidade para as empresas, entidades e concellos destas áreas, para atraer talento novo aos seus proxectos e iniciativas. Pedro Blanco lembrou que, ademais, o programa esixe que os estudantes residan no municipio da práctica durante o tempo de duración da mesma, o que garante a súa inmersión na vida cotiá da zona.
 
Balance en Galicia
 
Coa deste ano, son catro as convocatorias que impulsou a Secretaría do Estado de Reto Demográfico, co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE). No caso de Galicia, o Goberno asinou en cada curso un convenio específico para o desenvolvemento do programa coa Universidade da Coruña, Santiago e Vigo.
 
Pedro Blanco informou que 96 estudantes universitarios se beneficiaron das tres primeiras convocatorias en Galicia. Por provincias, Ourense foi a que recibiu maior número de bolseiros nestes anos, con 40 estudantes; seguida de Lugo, con 22; Pontevedra con 19 e A Coruña con 15 estudantes. O Goberno investiu máis de 400.000 euros en costear o programa nas universidades públicas de Galicia nestas tres primeiras edicións.
 
Convocatoria de 2025
 
A convocatoria deste ano de ‘Campus Rural’ está en marcha en 44 universidades públicas de toda España, cunha oferta que chega ás 750 prazas no conxunto de do territorio
 
Nestes momentos, as universidades atópanse no proceso de selección de bolseiros e bolseiras, e despois abrirase o prazo que as persoas seleccionadas soliciten unha das prazas ofertadas, que se circunscriben a unha especialidade ou estudo concreto. Os estudantes poderán cubrir ditas prazas desde o momento en que a universidade á que pertencen finalice os seus procesos de selección, ao longo das próximas semanas, e poderán prolongar as súas prácticas ata o 14 de novembro.
 
As prácticas están dotadas cunha prestación económica de 1.000 euros mensuais, ademais dos gastos de Seguridade Social e teñen unha duración que oscila entre os dous e os cinco meses.