O GALEGO E O DÍAS DAS LETRAS GALEGAS.
"Saber idiomas é o básico, din algúns enchendo as fazulas, cando eles non saben falar, xa non digo escribir, correctamente nin o primeiro..." XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN
Os romanos, dos que levo falado nalgunha outra ocasión, por seren unha sociedade práctica, e que puxo as trabes do que hoxe é o noso Dereito, a Filosofía deixábana para os gregos, cando tiñan que avaliar un idioma viñan a manter que a lingua non é cultura pero é o camiño da cultura, polo que cantos máis se falaran, máis “autopistas” terías para acceder á cultura. Prácticos non?
Castelao, do que tamén levo falado noutras ocasións, para min un referente moral, cultural, social e político, entre outras facetas, cando aquel dicía o de “Yo no siento la necesidad de hablar en gallego”, respondía coa retranca habitual: “Porque esa necesidade non se sinte no bandullo”.
Vén isto a conto porque a Administración por moito que tente de maquillar datos xa non o pode agochar máis; a situación da nosa lingua é cada vez peor, o número de falantes minora, as novas xeracións o empregan cada vez menos; e os que se manifestan a prol do noso idioma, si adiviñaron, son perigosos comunistas con rabo de demo que queren rachar a pacífica normalidade na que aquí habitamos, en concordia das dúas linguas que son defendidas por un igual, aínda que se lle vai facer, a unha seica non lle vai moi ben, pero xa se sabe, modas, efectos pasaxeiros; que non vale para nada en resumo o galego ese, que total con saber español e inglés xa podes ir polo Mundo, porque para moita xente o importante é saber idiomas. Ao primeiro parágrafo deste artigo me remito.
Saber idiomas é o básico, din algúns enchendo as fazulas, cando eles non saben falar, xa non digo escribir, correctamente nin o primeiro; para vender que? pregúntolles e quedan aldraxados pola miña estupidez. Explícome, vostede fabrica vasos, por poñer un exemplo, de moi boa calidade, é vostede un mestre do vidro, un vidreiro, e me dá igual que un artesán soprador ou en plan industrial; estudou vostede todo canto hai que saber do cristal e quere vender o seu produto; pois vai ser que se vostede sabe uns cantos idiomas, e escribilos, vai ter máis oportunidades de poñer o seu labor en tal mercado e vendelo; agora ben, como non saiba facer os vasos de pouco lle vai valer que ata fale chinés mandarín. Aplícase para calquera profesión, traballo ou habelencia, un médico, un capitán de mercante, un gandeiro, o que queiran, como non sexa moi bo no seu, o dos idiomas valerá se vai vostede de vacacións polo ancho Mundo (que fermoso pedir un vodka en ruso), pero para o outro non. Ao primeiro parágrafo deste artigo me remito.
Ti sempre falas e escribes en galego, e sen embargo non saes feito unha fera cada vez que o atacan, e mira que o atacan, reprochan algúns coñecidos dándome un turrón de orellas. Tamén vai ser que teñen razón, en parte; falo e escribo nunha das linguas máis fermosas que existen, porque me peta, quero e dáme a gaña, copiando ao mestre Celso Emilio Ferreiro, porque é a miña, porque posúe un vocabulario precioso e preciso, en contra do que pensan moitos pailáns, porque permite arar, sementar e facer a recolleita no mundo das letras dun xeito que non se podería realizar noutra, porque cando a escoito falar, e sobre todo ben, penso, que Deus a puxo no Mundo por algo, e eu son agnóstico.
Non saes a defendela como deberas, pois penso que a defendo tódolos días do ano, en foros onde non era, nin é, moi ben vista, ou en épocas en que facer un exame en galego era xogarse o suspenso porque xa nin cho lían, pero agora, estou tocado por unha especie de arume decadente, os anos pasan e imos poñéndonos vellos, e como un pretoriano da Garda do Emperador, penso que a Garda morre e nunca se rende; se o pobo non a defende, se permite que as Administracións fagan o que lles pete, ao mellor non tiñamos dereito a posuír unha das linguas máis fermosas do Mundo, era moito para nós, Deus trabucouse porque a merecería outra xente, e non aquí. Polo tanto, como un pretoriano seguirei a falar e escribir en galego, en calquera sitio, en calquera ocasión, sen poñerme de xeonllos xamais, pero se vai morrer morrerá, e isto será outra cousa, dende logo non será Galicia, será distinta, e a vella garda pretoriana que a defendeu tamén se irá, esluirase, porque sería Deus quen a deu, pero é o pobo quen a mantén e se non lle peta, non quere, ou non lle dá a gaña (volvo con Celso Emilio) acabouse o conto, non hai máis discusión.
Polo de agora, no Centro Social de A Filgueira (Porqueira) seguimos sendo maioría de galegofalantes, pero sendo consciente de que iremos morrendo e non vai ser a aldea de Astérix e Obélix; existen cidades onde xa está irremediablemente perdida, digan o que digan, ou por moito que lles pese aos meus amigos de Prolingua, ou da Mesa pola Normalización Lingüística, plataformas que moito levan pelexado por defendela.
PD: En vez de 1 día das Letras Galegas ao ano case preferiría que houbese 364 ao ano de defensa da nosa Fala, así de iluso saín...