Volven os Encontros de Teatro Escolar e Amateur, en Bande

Volven os Encontros de Teatro Escolar e Amateur, en Bande

Onte tivo lugar a presentación do cartel gañador do I Concurso de Carteis da Semana do Teatro. A obra seleccionada, realizada por Lucía Randino Rodríguez, destaca pola súa forza visual, uso expresivo da cor e simbolismo teatral, representado polas tradicionais máscaras da comedia e da traxedia.


O teatro volve a erguer o pano na súa trixésima edición dos Encontros de Teatro Escolar e Amateur, que se celebrará do 12 ao 16 de maio. Este evento cultural, xa consolidado no calendario educativo galego, contará coa participación de 14 centros escolares e grupos amateurs procedentes das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra.

A inauguración destes encontros terá lugar o luns, 12 de maio, ás 11:00h. no salón de actos do concello. Subirase o telón coa representación da primeira obra “A favor de obra” por parte do alumnado do CEIP Xoaquín Lourenzo. A clausura destes Encontros correrá a cargo do IES Aquis Querquennis coa obra “Porteira es ti”.

Durante cinco días, o escenario converterase nun espazo de expresión artística e creatividade, onde o alumnado amosará o froito do seu traballo teatral ao longo do curso. A programación inclúe representacións para todos os públicos, cunha rica variedade de xéneros e temáticas, fomentando valores como a cooperación, a igualdade e o respecto pola diversidade cultural.

Este evento naceu coa vontade de apoio e promoción da lingua galega, na semana das Letras Galegas, e achegar as artes escénicas á comunidade educativa e segue a medrar edición tras edición grazas á implicación de docentes, estudantes, familias e institucións colaboradoras.

O cartel será a imaxe oficial desta edición tan especial, que conmemora tres décadas de promoción das artes escénicas na nosa comunidade.

A elección foi realizada por un xurado composto por representantes do profesoradodo do CEIP Xoaquín Lourenzo, IES Aquis Querquernis e do Concello de Bande  que valoraron a creatividade, a mensaxe e a capacidade comunicativa do traballo.

Collage 2025 05 09 23 59 25