PLANTS FOR FUTURE. Intercambio xuvenil europeo sobre sostibilidade en Lodoselo
Organizado pola Asociación Sociocultural BreGal
Este vindeiro domingo, 11 de maio, acolleremos en Lodoselo, no CDR O Viso, a un grupo de entre 30-40 persoas, mozas e mozos europeos, que van participar en PLANTS FOR FUTURE, encontro organizado pola Asociación Sociocultural BreGal. Unha ONG creada no 2021 para promocionar experiencias de voluntariado e actividades de educación non formal no marco do programa Erasmus+.
PLANT(S) FOR FUTURE é un intercambio xuvenil onde aprenderemos a vivir de forma máis sostible tomando inspiración das plantas. A través de experiencias inmersivas na naturaleza, actividades creativas e dinámicas de educación non formal, vivenciaremos como conectar coa contorna e adoptar un estilo de vida respectuoso co Planeta.
Aloxados no Campiño, o albergue do Pobo escola, dende o día 11 e ata o 20 esta xente moza foi seleccionada por BreGal xunto a outras organizacións de Alemania, Italia, Portugal, Francia e Eslovenia.
Nós, dende o CDR O Viso, apostaremos polo valor da perspectiva interxeracional como garante do rural e por tanto, do natural. Ademais da convivencia ó longo destes días, imos facer xuntos unha fornada de pan tradicional coa xente do Centro de día, A vivenda comunitaria, a veciñanza... Temos programada unha plantación de sementes autóctonas (tamén nas mesas de cultivo en altura) e acabaremos a xornada comendo o pan (e algo máis) que fixemos no forno comunitario.
Agradecer ó equipo de Bregal o ternos escollido como lugar de encontro para esta estancia, un intercambio do que, ben seguro, todas e todos aprenderemos.