Vilar de Santos terá equipo na 1ª División de Veteranos
A Asociación Cultural, Deportiva e Veciñal Vilar de Santos certifica un merecido ascenso nunha tarde de gloria no Concello Limiao.
A ACDV Vilar de Santos colleitou no seu terceiro ano de vida o seu segundo ascenso e xogará o próximo ano na Primeira División provincial de fútbol de veteranos logo dunha campaña proveitosa na que o fútbol transcendeu no pobo da Arracada ao incorporar ó clube a máis de cen persoas entre xogadores, directiva, colaboradores e colaboradoras e patrocinios.
O equipo naceu no seu da veciñanza no verán de 2022 e apenas nove meses despois conseguira subir ata a segunda categoría provincial. Despois dun ano de consolidación do proxecto, consegue unha nova promoción que o sitúa ás portas do máis alto do fútbol de veteranos.
Cun plantel formado principalmente por xogadores de Vilar de Santos,Rairiz de Veiga e Sandiás, conta coa axuda dunha nutrida representación do veciño concello de Xinzo de Limia. Neste ascenso foi clave a labor do porteiro Dani Blanco, Manu, Beni, Lama, Pablo Curras, Miranda...na parte organizativa e a futbolistica de Diego Boia, Adrian, Pablo... aínda que o éxito radica no concepto coral do equipo.
O alcalde de Vilar de Santos, Rubén Colmenero “Pisto”, é promotor e tamén xogador do equipo e valora o éxito como “unha mostra de que o deporte é principalmente unha excusa para xuntar a un pobo e velo unido, traballando xunto”. Congratúlase principalmente da rede de colaboradores e colaboradoras: “ver a xente da zona que non xoga pero que madruga para limpar as instalacións, que prepara a merenda para a afección ou que pon ó servizo do equipo todo canto ten é o meu maior orgullo”.
O ascenso ten unha dedicatoria especial e indiscutible: “a emoción que sentimos dedicámoslla ó noso compañeiro Pablo de Currás, que está loitando pola súa saúde e incorporar estes folgos que lle mandamos vaille axudar definitivamente porque sen el, a vida do Vilar de Santos non é completa”.
Pisto adianta que están traballando para levar ó equipo ó torneo internacional de Ribadeo que xogará nas últimas semanas de maio.