O Antela é Campión e ascende a Preferente (Antela 4- Allaríz 0)
25ª vitoria, récord de puntos do Antela en Primeira (82) e récord de goles (83)...
Rematou a Liga, un filme de heroes, unha aventura de dez meses entre a calor do verán e o lameiro do inverno que florece na primavera, con chuvia, nun título, nunha tempada de récords (de vitorias, de puntos, de goles). Un camiño no que os nenos fixéronse homes; e os homes, un pouco máis sabios, máis firmes e audaces. O Antela, ferido hai menos dun ano, celebrou o regreso a Preferente e levantouse da caída con Joni, o capitán eterno, o capitán pantalla, recollendo a Copa e o recoñecemento de todos ante a mirada do seu fillo, acompañado polos outros heroes, por Breixo, o líder silencioso, por Pedro, o xefe dos lobos, que chorou na despedida dos seus amigos e despois arengou á tropa de rapaces que teñen fútbol nas botas, fútbol do bo, o limiano, e soños no prado da Moreira, o noso Maracaná que di o Forri, coma eles un tipo de ferro que forxa futbolistas de estirpe, os lobos, espírito branco e negro, primeiro traballo e despois festa, moita festa porque o fútbol modesto é como a vida modesta baixo o vento que zoa na chaira que tan ben cantou Tovar: “o mar de longos ventos”.
O verde fresco e fondo como a mirada de Xabi Lamas e Xurxo que debuxan liñas rectas e o xenio nas elipses de Antón, que centra e remata o Tiago Teixeira, orgulloso, para facer un gol que rende ao Allariz aos vinte minutos, un resumo do que foi a Liga neste treito final cun once que Bruno Gómez deseña chiscando o ollo a afección porque hoxe (onte) foi festa, e mesmo viñeron o alcalde e a concelleira e brillou baixo un ceo gris a Copa da Liga, pomposa, esas latas que os modestos exhiben humildemente no estante no bar do campo.
A Copa é para gozo dos nenos. Na Moreira a película vai doutra cousa. Son os bos celebrando a vitoria sobre a inxustiza do descenso. Pedro e Peque e Joni e Rui Vogado e Sabucedo rotos polo gol fatal do Choco co Antela morrendo na beira. Pedro e Peque e Joni e agora Bruno Pío e Bruno Gómez nos papeis de Vogado e Óscar cantando o ascenso, o retorno que repara o mal.
Despois chegaron os tantos de Pedro, Breixo e Joni nunha coreografía a pedir de boca para pechar a festa. O Allariz, en proceso de reconstrución despois do descenso do ano pasado, ten menos présa. O Antela gobernou a tempada en Primeira coma un portaavións goberna os mares, pausado e poderoso. A sensación no peche da Liga é que hai equipo e experiencia na casa para afrontar calquera tormenta das que acontecen na Preferente. E que se marchan Breixo e Joni, queda o Pedro, e o Pedro ten o carácter preciso para a tarefa. O Pedro sinalará o próximo destino. Nos ollos asombrados do Manu, o fillo do capitán pantalla, que vive a cerimonia da Copa entre os heroes, o primeiro seu pai, xa se debuxan futuras aventuras, felices soños neste mar de longos ventos que nas mans de Xosé Lois Carreira, poeta da forza, esculpen heroes de pedra perennes.
Os seus nomes, os de todos os que participaron nesta viaxe, son estes: Andrés Barrio, Bruno Pío, Diego Lulo, Iago Salgado, Aarón Blanco, Álex Boán, Breixo Fernández, Emanuel Isuardi, Felipe Freiría, Lois Espino, Lucas Carnero, Adrián Campero ‘Peque’, Tiago Teixeira, Alexandre Teixeira, Anxo Calleja, Martín Caneiro, Adrián Lorenzo ‘Cole’, Izan Feijoo, Brais Outeiriño, Pedro Castro, Hugo Penabad, David Rodríguez ‘Pitu’, Raúl Lorenzo, Xabi Lamas, Xurxo Santana, Anxo Pena, Antón Rodrígez, Carlos González, Raúl Dinís, Jonathan Gómez ‘Joni’, Jorge García ‘Jorginho’, Óliver Fernández, Borja Carballo, Víctor Cacharrón e Hugo Pérez.
Nos títulos de crédito merecen figurar tamén Bruno Cid, Juan González ‘Forri’, Xián Penín e Pedro Teixeira.
