Eladio Santos destaca “o éxito crecente” do Plan Director en Ourense, con 7.186 participantes no primeiro trimestre do curso

Eladio Santos destaca “o éxito crecente” do Plan Director en Ourense, con 7.186 participantes no primeiro trimestre do curso

Nos tres primeiros meses do curso actual 74 centros educativos solicitaron conferencias do Plan Director e no 2024 foron 147 centros

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou este luns “o éxito crecente” que supón o Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos centros Educativos e as súas Contornas na provincia de Ourense, con 7.186 participantes no primeiro trimestre do curso 2024-25.

Na comisión provincial, presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, participaron o director da área de Alta Inspección de Educación, Xosé Lois García; o capitán da Garda Civil Ramiro García; o inspector de Participación Cidadá da Policía Nacional José Antonio Armero; o inspector de Educación Rubén Veloso; a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias, e o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias.

No salón do trono da Subdelegación do Goberno en Ourense, Eladio Santos celebrou que a participación do alumnado no programa de charlas aumentou un 50% respecto ao primeiro trimestre do curso anterior.

20250512 plan director2

Rexistráronse 7.186 participantes (6.754 alumnos, 246 familias e 186 docentes).

O número de centros que solicitou charlas nos tres primeiros meses do curso foi de 74. No total do ano 2024 foron 147 centros, o 85% das escolas da provincia. Acolleron durante ese exercicio 689 charlas, con diversas temáticas: ciberseguridade (127); adiccións (96), violencia sobre a muller (153) e acoso e ciberacoso escolar (322). Tamén se fixeron o ano pasado 63 actividades complementarias e 171 clasificadas en outras actividades.

Respecto ao primeiro trimestre deste curso 2024-25, a Policía Nacional e a Garda Civil impartiron 214 conferencias, das que 70 foron de ciberseguridade; 53, de ciberacoso; 31 de adiccións; 25 de violencia sobre a muller; 5 de prevención de delitos sexuais; unha de trata de seres humanos; 4 de delitos de odio; 5 de protección de datos; 7 de medio ambiente; 5 de seguridade viaria, e 8 de orientación profesional.

O subdelegado do Goberno felicitou ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a tódolos servizos implicados por levar a seguridade, a conciencia e a prevención dos perigos aos centros educativos de toda a provincia. O reto actual do Plan Director, sinalou o subdelegado, é chegar ás familias, pois é esencial que os pais e nais participen tamén nestas conferencias para coñecer os perigos aos que se enfrontan os seus fillos e as súas fillas.

20250512 plandirector