A Deputación mobiliza 353.000 euros en cooperar con concellos, asociacións veciñais e entidades deportivas da provincia
8.000 euros para a Gladiator Family en Muíños
A Xunta de Goberno da Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria semanal, vén de mobilizar un total de 353.000 euros destinados á cooperación con concellos, asociacións veciñais e entidades deportivas da provincia.
Así, no que atinxe á cooperación cos municipios, destináronse 292.000 euros, entre os que sobre sae unha axuda de 150.000 euros para o Concellos de Maside para a renovación do céspede e mellora do alumeado do campo de fútbol. Para o abastecemento e Abeirada, A Aira e Baamonde, o Concello de Paderne de Allariz percibirá 50.000 euros, mesma cantidade que recibirá o Concello de Maceda para mobiliario urbano da rúa Aureliano Ferreiro. O Concello de Viana do Bolo, pola súa banda, obterá unha achega de 30.000 euros para o acondicionamento e bacheo en Fornelos de Cova. Para actividades lúdicas e culturais, o Concello de Celanova obterá 12.000 euros.
No que atinxe ás asociacións e federacións veciñais, a Xunta de Goberno resolveu o concurso público para a concesión de subvencións para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións veciñais de Ourense. Os 43.000 euros adicados a esta partida están distribuidos do seguinte xeito: Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (7.4040,23 euros); Agrupación Veciñal do Rural e Periferia de Ourense Miño (17.062,94 euros); e Federación Limiar (18.532,83 euros).
No que respecta ás axudas para eventos deportivos na provincia, a Deputación destina esta semana 18.000 euros, distribuidos en 8.000 euros para a Gladiator Family en Muíños e 10.000 euros para o Rally Sprint de Ramirás.
Por último, aprobáronse as bases reguladoras e a convocatoria da XLIV edifición do Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, correspondente ao ano 2025 e que está dotado con 15.000 euros. O Premio Eduardo Blanco-Amor é o galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega e leva implícita a publicación da obra por unha editorial escollida polo gañador.