X Edición da Festival Mascarada Ibérica en Vilariño de Conso e Viana do Bolo
As pantallas voltaran desfilar no ViboMask
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, apostou onte a mañá por revalorizar elementos tradicionais e tan propios do territorio como o Entroido galego para impulsar accións que se desenvolvan fora de tempada e en datas que non coincidan con estas celebracións. Deste xeito, salientou así a posta en valor de festas tan singulares e arraigadas como recursos para contribuír á desestacionalización do destino e tamén á diversificación e reparto da oferta turística por todo o territorio galego.
O director de Turismo de Galicia participou, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na presentación da X edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask. O evento, que se celebrará entre o 16 e o 18 de maio en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, aglutina mascaradas de case medio cento de localidades distintas de Galicia, España e Portugal.
En total, este ano participan no ViBoMask 48 mascaradas, procedentes na súa maioría da propia provincia de Ourense. Unha vintena de entroidos, ademais de Viana e Vilariño, desfilarán polas vilas. Estarán presentes, por exemplo, o fulión e mázcaras das aldeas de Manzaneda, entroido co que Viana e Vilariño buscan a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Tamén haberá personaxes doutros carnavais destacados, como as pantallas de Xinzo, o único declarado de interese turístico internacional na comunidade; ou os cigarróns de Verín, os peliqueiros de Castrelo do Val, os felos de Maceda e representantes de, entre outros, Sande, Muíños, Lobios ou Bande. Das tres provincias restantes virán sete delegacións, con presencia de, por exemplo, madamas e galáns de Cobres, xenerais do Ulla ou das personaxes do entroido ribeirao de Chantada.
No desfile haberá ademais mascaradas de fóra de Galicia. En concreto, visitarán o ViBoMask 11 representantes de Castela e León, das provincias de León, Zamora e Ávila; e delegacións de entroidos de Asturias, Cantabria, Castela-A Mancha (Guadalaxara), Estremadura e País Vasco (Áraba). O evento afianza o seu carácter internacional coa presenza de catro carnavais de Portugal: dúas mascaradas de Braganza, unha de Viana do Castelo e unha de Viseu.
Unha programación completa
O venres 16 e o sábado 17 a celebración céntrase en Viana do Bolo. A primeira das xornadas está centrada en varias citas culturais, como o encontro ViBoCultura, unha serie de conferencias sobre temas relacionados coas mascaradas. Pola tarde, a partir das 18.30 horas, inaugúrase a mostra 10 anos dan para moito: ViBoMask en imaxes.
O sábado 17 é o día central en Viana, que desde a mañá abre o ViBoMarket, mercado de produtos típicos e artesanais. A partir das 17 horas desenvolverase o desfile do X Festival Internacional polas rúas da localidade. Durante as dúas xornadas haberá música e actividades para distintos públicos.
O domingo 18 as celebracións trasládanse a Vilariño de Conso, coa apertura do ViBoMarket ás 10 da mañá. A partir das 11.30 horas, as distintas mascaradas percorrerán a vila no desfile central. Pola tarde será a quenda do IV Festival de Música Tradicional e Popular, en conmemoración do Día das Letras Galegas, este ano dedicado ademais ás cantareiras. Precisamente as cantareiras Alalás de Vilariño serán unha das agrupacións participantes, xunto con outros grupos da contorna.
Estratexia de Turismo de Galicia
O Entroido constitúe un dos principais recursos patrimoniais en Galicia. A Xunta recoñeceu o seu valor coa declaración do Entroido ben de interese cultural do patrimonio inmaterial en marzo deste mesmo ano. A celebración do ViBoMask contribúe a poñelo en valor.
Neste sentido, o ViBoMask entronca coa estratexia da Xunta de Galicia, ao apostar pola realización do evento no mes de maio. Ademais, o desenvolvemento dun evento destas características, de proxección nacional e internacional, en localidades do interior da provincia de Ourense, fóra dos circuítos clásicos de turismo, favorece unha maior dispersión xeográfica da oferta turística.
Xosé Merelles tamén abundou no carácter singular do Entroido en Galicia e, especificamente, dos Entroidos do Oriente Ourensán. Os carnavais de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda están actualmente buscando en Madrid a súa declaración como Festa de Interese Turístico Nacional co apoio de Turismo de Galicia.