O GDR Limia-Arnoia súmase a “Ruralmente”, un proxecto que facilitará o intercambio de coñecementos e a innovación entre diferentes rexións
No territorio do GDR Limia-Arnoia tratarase de incrementar tanto a produción como o número de entidades produtoras dentro da IXP Pataca de Galicia.
A mediados do vindeiro mes de xuño ponse en marcha “Ruralmente”; un proxecto do que forma parte o GDR Limia-Arnoia xunto co GDR Valle del Ambroz de Cáceres e o GDR Galicia Suroeste, que se encargará da coordinación do mesmo. A iniciativa conta cunha financiación procedente do Feader de máis de 200.000€ que se conseguiron despois de obter a sexta mellor puntuación de entre as 38 candidaturas presentadas.
“Ruralmente” ten como obxectivo o intercambio de coñecementos e a innovación entre as diferentes rexións que participan nel. Para iso organizaranse diversos eventos en formato de xornadas técnicas, seminarios e visitas de campo para a divulgación de coñecementos tecnolóxicos e de xestión das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e das Denominacións de Orixe Protexidas (DOP).
Cada un dos GDR participantes neste proxecto centrará a súa divulgación, formación, información e asesoramento técnico sobre un produto concreto, de gran importancia para o desenvolvemento do seu territorio. Desta forma, combinaranse diversas actividades nas que se realizarán intercambios de coñecementos e porase en valor o produto seleccionado por cada Grupo de Desenvolvemento Rural.
IXP Pataca de Galicia
En concreto, o GDR Limia-Arnoia centrará os seus esforzos en incrementar a produción e o número de entidades produtoras dentro da IXP Pataca de Galicia. Pola súa banda, o GDR Galicia Suroeste impulsará a IXP do Pan do Porriño mentras que o GDR Valle del Ambroz traballará na aplicación e utilización do Pimentón de la Vera en embutidos de porco ibérico.
O proxecto terá unha duración de aproximadamente 15 meses e todas as actividades que se realicen neste tempo terán como finalidade mellorar a competitividade dos territorios, a sostibilidade, a innovación, a aposta pola calidade, así como axudar a incrementar a base de coñecemento dos colectivos concretos aos que van dirixidas as accións.
Coa execución de “Ruralmente”, enmarcado dentro das Intervencións supra autonómicas do Plan Nacional da Política Agrícola Común 2023-2027, os tres GDR participantes centraranse en poñer en valor os produtos locais de calidade e afianzar colaboracións con outras entidades para unir capacidades e obxectivos estratéxicos que dean lugar a simbioses de gran interese para facer do territorio un espazo vivo e sostible tanto a nivel económico, ambiental e social.