Regresa Raigame como a “gran festa etnográfica e cultural” das Letras Galegas

Regresa Raigame como a “gran festa etnográfica e cultural” das Letras Galegas

Entre as novidades desta XXII edición destacan as exposicións vinculadas ao cancioneiro popular e a unión de poesía e artesáns, cun posto adicado ao Día das Letras Galegas

Como cada 17 de maio, regresa a Romaría Etnográfica Raigame a Vilanova dos Infantes, acadando xa a súa edición número XXII, que nesta ocasión toma como tema central a poesía popular oral, sumándose á homenaxe que realiza a Real Academia Galega (RAG) adicándolle o Día das Letras Galegas á figura das cantareiras. O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, destacou onte que esta celebración se converte, cada 17 de maio, “no punto de maior concentración de visitantes de Galicia” durante as celebracións das Letras Galegas. Durante a presentación da programación no Pazo Provincial, Fernández estivo acompañado polo alcalde de Celanova, Antonio Puga, e o responsable do Centro Cultural Xaquín Lorenzo, Xavier Álvarez.

Raigame 1

César Fernández puxo en valor a “cooperación” para poñer en marcha Raigame, xa que está organizada entre a Deputación de Ourense – a través do Centro Cultural Xaquín Lorenzo- e o Concello de Celanova e conta ademais coa colaboración da Xunta de Galicia, Abanca, a Fundación Curros Enríquez e a veciñanza de Vilanova dos Infantes.

“Raigame é identidade cultural e referencia na cultura galega” engadiu o deputado de Cultura. “Cantareiras. A poesía popular oral” é o lema escollido para esta edición da celebración, declarada de Interese Turístico de Galicia.

Pola súa banda, o alcalde de Celanova, Antonio Puga, fixo referencia aos esforzos en materia de seguridade, incrementando os dispositivos de protección durante esta xornada. Tamén indicou a previsión dunha gran afluencia de xente e puxo en valor o evento como “parte das raíces do folclore galego”.

Por último, Xavier Álvarez, responsable do CCP Xaquín Lorenzo, destacou o “traballo conxunto en prol da provincia” para levar a cabo esta celebración e anunciou a publicación dun libro de Os Bolechas adicado a Raigame, para que o público infantil se achegue á festa.

Romaria Raigame 2025 programacion page 0001

O cancioneiro popular, protagonista

A Romaría Etnográfica Raigame tivo dende a súa primeira edición un espazo especial para a interpretación da música, o baile e o canto tradicional, con actuacións de grupos de pandereteiras que participan dentro da programación oficial como de xeito espontáneo.

Nesta edición, ademais de insistir nesta mostra dando un peso especial na programación á actuación de grupos de cantareiras e de canto tradicional, dende a organización quíxose incidir no cancioneiro popular, realizando diferentes exposicións e tamén vinculando a poesía popular cos artesáns participantes. Un posto dedicado ao Día das Letras Galegas percorre a historia da nosa literatura e o cancioneiro popular.

Programación

Dentro das actividades, ás 13.30 realizarase entrega do premio honorífico “Adolfo Enríquez” as cantareiras das aldeas dos concellos de Avión e Beariz, principalmente en Liñares, onde dende principios dos anos 80 o grupo Castro Floxo, hoxe integrado na Escola de Danza da Deputación, realizou traballos de campo, e recolleu innumerable material co que se editou o primeiro volume do Cancioneiro popular da provincia de Ourense en 1997 e que tivo continuación en 2002 cun segundo volume adicado á comarca da Limia.

A Organización da Romaría Etnográfica Raigame, en colaboración cos artesáns participantes programou tamén unha serie de obradoiros-demostracións didácticas nas que os asistentes poderán ter a experiencia de traballar cos canteiros, cos zoqueiros, cos oleiros, coas tecedeiras, cos orfebres, cos carpinteiros ou coas costureiras.

Visitas guiadas

Despois do éxito do ano pasado, repetiranse actividades como visitas guiadas por Vilanova dos Infantes baixo a ollada dos canteiros coa A Asociación “ViaxaMos no Tempo”, e organizarase unha nova edición dos concursos de tartas e de montado de claras.

Nas actuacións musicais, a Banda de Vilanova ofrecerá ás 13.00 horas un concerto-sesión vermú nos campos onde se instalan as comidas ao carón da igrexa. Os Danzantes de Vilanova realizarán a danza en honor da Virxe do Cristal e máis de 20 grupos de música e baile tradicional participarán nunha xornada dedicada ao folclore que comezará ás 11.00 coas actuacións da Escola Provincial de Danza e rematará ás 18.30 co grupo Castro Floxo da Deputación de Ourense.

En total, haberá 58 postos no interior do burgo, con 40 demostracións de artesáns traballando en vivo, ademais de espazos de comida e bebida. 

Raigame 2