Obras na igrexa de Santa María a Real, en Entrimo, a Xunta investirá 330.000€
O delegado territorial explicou que esta actuación consistirá na restauración das fachadas para evitar a entrada de auga que na actualidade escorrega principalmente pola cara interior da fachada principal, ao final das naves no seu encontro co transepto, e na zona do baptisterio
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, a igrexa de Santa María a Real para informalo do anuncio de licitación das obras de restauración das fachadas, nas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai investir 327.012,81€, e que terá un prazo máximo de execución de 6 meses.
O representante do Goberno galego explicou que con esta actuación pretenderase evitar a entrada de auga que na actualidade escorrega principalmente pola cara interior da fachada principal, ao final das naves no seu encontro co transepto, e na zona do baptisterio. Tamén detallou que se repararán os elementos e as zonas máis danadas pola entrada de auga, especialmente na portada barroca da fachada oeste, que presenta un maior deterioro.
Manuel Pardo puxo en valor a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, por iso “dende a Xunta queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis singular”; e engadiu, “este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza arquitectónica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación”.
As actuacións previstas
As obras nesta igrexa, , consistirán na limpeza, saneado e rexuntado de todas as fachadas; na reintegración volumétrica de toda a cornixa; e na colocación dun babeiro de cobre na fachada oeste.
Tamén se levarán a cabo a instalación dunha drenaxe perimetral conectada a un sistema de colectores de pluviais; a colocación de novos canais con dobre sistema de impermeabilización nas cubertas; e a pavimentación pétrea diante das portadas norte e sur.
A igrexa de Santa María a Real
De estilo barroco, a Igrexa, monumento protexido polo seu valor cultural e considerado unha xoia arquitectónica dentro da arquitectura galega, ten planta de cruz latina distribuída en tres naves separadas por oito pilastras, e un coro apoiado sobre as dúas primeiras que dan sobre a entrada principal. O cruceiro é máis alto ca nave central e que a ábsida, levantándose sobre o mesmo un corpo exterior rematado cunha lanterna.
A fachada principal construída a finais do século XVII e primeira metade do século XVIII é o mellor exemplo de estilo churrigueresco en Galicia, caracterizado pola beleza da súa composición e decorado.