O subdelegado do Goberno fai balance de 4 anos de execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en Ourense
Santos sitúa á agricultura como “unha auténtica prioridade” para o Goberno, que concedeu 28 millóns de euros para mellorar os regadíos na Limia, o que beneficia a 1.822 agricultores
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, celebrou “a inversión sen precedentes” que supuxo a execución do Plan de Recuperación para a transformación da provincia.
Así se pronunciou na rolda de prensa celebrada onte con motivo do cuarto aniversario da aprobación, no Consello de Ministros e Ministras, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. “Celebramos catro anos dunha aposta decidida por saír da crise causada pola pandemia cun escudo social e sendo máis fortes”, subliñou
As infraestruturas e a agricultura, explicou Eladio Santos, son os capítulos nos que o Goberno fixo un maior esforzo inversor para apostar pola provincia e a súa modernización. “As comunicacións en Ourense deixaban moito que desexar hai uns anos, pero agora mesmo Ourense é un referente da mobilidade en toda Galicia, pois grazas ao AVE estamos máis preto que nunca do resto de España”, remarcou.
Pero non só a alta velocidade reflicte a aposta do Goberno por facilitar a vida de ourensáns e ourensás, pois grazas ao Plan de Transformación se investiron máis de 450 millóns de euros en infraestruturas e mobilidade.
En concreto, se destinaron 335 millóns de euros para a conexión ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo e 108 millóns para a integración urbana da rede ferroviaria de Ourense, así como 9 millóns de euros para a mobilidade sostible e dixital.
O subdelegado situou a agricultura como “unha absoluta prioridade” para o Goberno de España. Exemplo diso é a partida de 28 millóns de euros destinada á mellora do aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas de A Limia, o que beneficia a 1.822 agricultores que cultivan 2.576 hectáreas nos municipios de Xinzo de Limia, Sarreaus e Porqueira. No que ten que ver coa auga hai que sumar os máis de 6 millóns para a modernización das Brigadas de Reforzo Forestais (BRIF) e o proxecto Ou-Inteligente de Aquaourense, con 7,7 millóns.
Outros proxectos representativos do que supón este plan para as empresas da provincia son o prototipo de unidade produtiva móbil da empresa Cedan Jobs de Allariz, que recibiu un millón e medio de euros do Perte de Economía Circular. Exalbesa acadou máis de 3 millóns do Perte de Descarbonización.
Ademais, a empresa Cogeneración del Noroeste recibiu 3,4 millóns do Perte Erha para a súa planta de San Cibrao das Viñas.
Cohesión territorial e conectividade
Santos cualificou de “imprescindibles” os programas UNICO de banda ancha, redes activas e 5G en zonas rurais, xa que “están a levar a mellor conectividade a toda a provincia de Ourense”. A Secretaría de Estado de Telecomunicacións aportou máis de 50 millóns de euros para executar estes plans na provincia, “o que reafirma o compromiso do Goberno na loita real contra o despoboamento do rural”.
“Aínda que ás veces non é ao que lle damos máis importancia, coido que nunha provincia envellecida como a nosa merece especial mención o esforzo inversor no PERTE de Economía Social”, destacou o subdelegado, que recordou que foron máis de 124 millóns de euros os que este programa deixou en Galicia para diferentes liñas, como equipamento público para os coidados de larga duración, equipamentos domiciliarios que favorecen a autonomía persoal, programas de accesibilidade e o plan de modernización dos servizos sociais.
Neste sentido, quixo mencionar o Plan Corresponsables posto en marcha polo Ministerio de Igualdade para favorecer a conciliación das familias e que transferiu máis de 18,6 millóns de euros a Galicia en 2023 e 2024 e continuará este ano. Destes fondos, se beneficiaron federacións deportivas e concellos da provincia.
Turismo
O subdelegado do Goberno enxalzou “o gran impulso ao turismo” que significou o Plan de Transformación, “esencial para unha provincia chea de historia, festas de gran interese, con produtos gastronómicos únicos e referente do termalismo”. Destaca neste eido a contía de 2,6 millóns de euros para o conxunto histórico artístico de Pazos de Arenteiro en Boborás. Tamén foi “un auténtico acerto”, dixo, o desenvolvemento dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, con cinco na provincia de Ourense. “Son iniciativas que fan posible financiar cuantiosas actuacións para a mellora do patrimonio histórico e natural”, resaltou.
Nesta liña, quixo recordar que o Goberno transferiu á Xunta máis de 130 millóns de euros do Plan de Transformación para impulsar o turismo na comunidade, pero lamentou “a falta de execución en Ourense”. Puxo como exemplo a liña de axudas de turismo enogastronómico para aloxamentos e restauración. “De 145 axudadas concedidas, só un 4% se deron na provincia de Ourense”, asegurou Santos, quen lle pediu ao Goberno galego “que execute os fondos repartidos polo Goberno e non se esqueza da provincia de Ourense, porque Ourense é turismo e tamén merece promoción”.
Escudo social
Eladio Santos incidiu en que a saída da pandemia foi un escudo social para toda a cidadanía. En Ourense, o Ingreso Mínimo Vital chega a 11.455 beneficiarios na provincia, a data de marzo deste ano. Ademais, o total de perceptores desde xuño do 2020 a marzo do 2025 foi de 16.040. Ademais, a afiliación á Seguridade Social é de 106.749 ocupados, 5.070 máis que en marzo do 2018.
Tamén merece especial mención, considerou o subdelegado, “a estabilidade profesional acadada de forma histórica por este Goberno”, con 20.778 contratos indefinidos na provincia, un 160% máis que no 2019. Mentres, o bono social eléctrico contou con 14.821 beneficiarios.
En definitiva, Santos sostivo que “o Goberno de España cumpre cos ourensáns e ourensás”. “Oxalá todas as Administracións cumpran coa provincia como o fai o Goberno e executen o 100% do que se lles transfire, porque algunhas non o están a facer”, reclamou.