As e os socialistas solicítanlle ao concello que axilice os trámites de xeito “urxente” para restablecer o servizo de abastecemento en condicións sanitarias para augas de consumo doméstico
O PSdG-PSOE denuncia a "grave" situación dos veciños e veciñas de Gudín
O psdeg-psoe de xinzo denuncia a “grave” situación que está padecendo a veciñanza de gudín, tras varios meses sen servizo de subministración de auga potable
Nota de prensa do PSdG-PSOE de Xinzo
Xinzo de Limia, 15 de maio de 2025. O PSdeG-PSOE de Xinzo denuncia a “grave” situación que están padecendo os veciños e as veciñas de Gudín, ante a falta de subministración de auga potable na rede de abastecemento deste núcleo de poboación. As e os socialistas solicítanlle ao concello que axilice os trámites de xeito “urxente” para restablecer o servizo de abastecemento en condicións sanitarias para augas de consumo doméstico.
Dende o grupo municipal socialistas consideran de “extrema gravidade para a saúde pública a situación que está padecendo a veciñanza de Gudín” e sinalan que “o concello de Xinzo non está atendendo da forma correcta estes problemas”. Tal e como apuntan as e os socialistas “hai máis dun mes que se aprobou que o concello asumía a titularidade da concesión de aproveitamento de augas da comunidade de usuarios de Gudín”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, destaca que “a veciñanza está padecendo unha situación de total abandono e desamparo por parte do concello”. A edil socialista tamén pon de manifesto que as veciñas e os veciños “deben mercar regularmente a auga para o consumo humano, xa que a que aporta o concello é insuficiente, sendo o subministro de auga potable un servizo básico e esencial que debe prestar o concello conforme a lexislación vixente”.
“A comunidade de usuarios cedeu a titularidade ao concello de Xinzo nunha asemblea o pasado mes de febreiro, decisión que foi comunicada ao concello no mes de marzo, e aprobada por unanimidade do plenario municipal”, explica Lama Fernández. A voceira socialista destaca que “pasado mes e medio, a veciñanza continúa mercando e pagando do seu peto a auga para beber, cociñar e para o aseo persoal, nun núcleo de poboación que dista da vila case media hora”.
Ante esta situación, o PSdeG-PSOE de Xinzo vén de presentar un escrito demandándolle ao alcalde, como responsable máximo, que “axilice os trámites necesarios ante a concesionaria Viaqua, para que acometan as actuacións necesarias, tanto no depósito como na rede de subministro”. Asemade, as e os socialistas tamén demandan que “namentres non se adecúen estas actuacións e non se poida consumir auga da billa, a veciñanza sexa atendida regularmente cun camión cisterna homologado para o subministro dun ben básico”.