Xinzo celebra as Letras Galegas cunha foliada aberta e un roteiro de cantigas populares por toda a vila co alumnado dos institutos
O Concello de Xinzo de Limia celebrará este venres 16 de maio ás 11:30 h na Praza Maior a Foliada das Letras
O Concello de Xinzo de Limia celebrará este venres 16 de maio ás 11:30 h na Praza Maior a Foliada das Letras, un acto festivo e participativo que reunirá a comunidade educativa e a veciñanza arredor da música tradicional, coas pandereteiras como protagonistas.
A actividade está organizada polo Concello en colaboración cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Lagoa de Antela e do IES Cidade de Antioquía, e forma parte dun proxecto máis amplo de recuperación e divulgación do patrimonio oral galego, especialmente das cantigas populares da comarca.
Ao longo das últimas semanas, o alumnado implicado realizou un traballo de recollida e estudo de cancións transmitidas oralmente por xeracións, nun exercicio de memoria colectiva que se materializa estes días nunha acción cultural que mestura tradición, música e espazo público.
Como parte da iniciativa, instalouse un roteiro de cantigas por diferentes espazos da vila —cafetarías, librarías, comercios, edificios públicos— nos que se poden ler fragmentos de pezas tan recoñecibles como “Miña nai, miña naiciña”, “Na ribeira do Miño” ou “Boas tardes, Maruxiña”. Cada espazo participante leva asociado un fragmento e forma parte dun mapa interactivo dixital, accesible para quen queira seguir o percorrido.
Este proxecto colectivo e interxeracional busca dar visibilidade ao papel das pandereteiras e das mulleres na transmisión da poesía oral galega, homenaxeando a súa contribución á nosa cultura, precisamente no marco das Letras Galegas 2025.
A Foliada das Letras será un acto aberto ao público, no que alumnado e veciñanza poderán compartir música, identidade e memoria, nun espazo común e vivo como é a Praza Maior de Xinzo.
LOCAIS PARTICIPANTES E CANTIGAS TRADICIONAIS DAS LETRAS 2025
- Concello de Xinzo de Limia – Miña nai, miña naiciña
- Casa da Cultura – Ven bailar, Carmiña
- Piscina Climatizada de Xinzo – Ai Pepiño, adeus
- Café Miradoiro – Son de Xinzo
- Libraría Nobel – Paxariño
- Saraiba (libraría) – Carballeira de Perrelos
- Carlin – Se vas a San Martiño
- A de Torino – Na ribeira do Miño
- A Taberna da Trocha – Ié verdade, ié mentira
- Bar Lulo – O galo cando canta é día
- La Central Heladera – Heime de casar cun vello
- El Rincón de María – Polo río abaixo
- Bar Trisquel – Xota de Liñares
- A Arca da Noe – A Xironda
- Bar Monforte – Era o Pepiño da Veiga
- Casino – Círculo Antelano – Cantiga do entroido de Xinzo
- Lumecú – Pastorciños novos
- Cafetería Zeus – Entroido de Xinzo
- Óptica Lethes – Na beira de Sarreaus
- Cafetería A Lola – Cantar de Trandeiras
- Ferretería Gregorio – Cantiga Labor
- Bar Namora – O San Martiño de Ourense
- Praza de Abastos – (Boas tardes, Maruxiña)
- Concello de Sandiás – A Filomena
- Gran Café – Vivir en Os Blancos
Ligazón ao mapa do roteiro: https://www.google.
com/maps/d/u/0/viewer?mid= 19SMzwKynZknnsjmVPglW7Lgg2BR7M -8&ll=42.0635984984255%2C-7. 720692410390799&z=15