​O SLG solicita a intervención da Administración pública ante a perda de cultivos e ascenso de custos na Limia

​O SLG solicita a intervención da Administración pública ante a perda de cultivos e ascenso de custos na Limia

As granxas da comarca levan un ano encadeando perdas nas colleitas e alzas nos custos de produción sen ningún apoio

campaña de cereal na Limia xa está perdida. E a da pataca está pendente dun fío. Nun 80% das fincas adicadas a cereal non vai haber colleita. E no caso das patacas están mercadas as sementes, que é o principal custo de produción, pero non se sabe se se van poder sementar. Así de contundente describe a situación na comarca o responsábel local do Sindicato Labrego Galego-Comsións Labregas (SLG-CCLL), Anxo Pérez Rúa, logo de que as intensas e continuadas choivas deste inverno e primavera teñan posto nunha situación límite ás producións agrogandeiras da zona, inda a medio recuperar dos problemas que tiveron que afrontar fai apenas medio ano por mor da borrasca Kirk e episodios climatolóxicos adversos posteriores.

Cabe lembrar que as granxas da comarca xa chegaron a este inverno nunha situación económica moi delicada. Logo dun 2024 desastroso no cereal no que non se cubriron custos de produción, as persistentes choivas do pasado outono dificultaron enormemente a recollida da pataca, nun territorio onde os custos de produción nesa altura rondaban os 6.000 – 8.000 euros por hectárea.

A continuación, as altas precipitacións que se veñen rexistrando na Limia durante esta primavera remataron por poñer contra as cordas a centos de produtoras e produtores, especialmente ás pequenas e medianas granxas, que veñen encadeando meses de perdas de produción até sumar practicamente un ano de impactos económicos negativos que están a afectar directamente á sua viabilidade económica.

O Sindicato Labrego Galego pide a intervención urxente da administración pública para apoiar ao sector produtor nesta situación. A Consellaría do Medio Rural debe ter en conta estas perdas e establecer un plan de medidas diante destas dificultades. Cómpre que actúe, tanto para o establecemento de accións directas, como para a habilitación de ferramentas que permitan o seguimento e actuación continuada sobre os efectos dos clima na produción de alimentos. É preciso, asemade, a coordinación e establecemento de diálogo con outras administracións a nivel estatal con competencias neste eido, tales como Facenda ou a Seguridade Social, para o desenvolvemento de medidas de apoio de carácter administrativo.