Teatro para público familiar en Xinzo co espectáculo “Castelao. Un corazón á intemperie”
Hoxe sábado, 17 de maio, ás 13:00 horas
A Praza Maior de Xinzo de Limia acollerá hoxe sábado, 17 de maio, ás 13:00 horas, a representación da peza teatral “Castelao. Un corazón á intemperie”, da compañía Fantoches Baj, unha actividade enmarcada no programa FalaRedes 2025 da Xunta de Galicia.
A proposta está dirixida a público familiar, a partir de 6 anos, e supón unha homenaxe escénica á figura de Castelao a través dun percorrido polas súas experiencias vitais e o seu legado literario. A obra combina distintas técnicas escénicas, como o teatro de máscaras, kamishibai, títeres e cabezudos, ofrecendo unha posta en escena creativa e emotiva.
No espectáculo, o dramaturgo Varela Buxán actúa como narrador e guía o público por diferentes episodios da vida do rianxeiro, incluíndo fragmentos de obras como Os vellos non deben de namorarse, O pai de Migueliño ou Un ollo de vidro.
No caso de choiva, a actividade trasladarase ao Auditorio da Casa da Cultura.