Día das Letras Galegas 2025
O Padroado do Museo Etnolóxico da Limia e o Concello de Vilar de Santos incorporan á web do Museo da Limia a música tradicional da comarca
O Padroado do Museo Etnolóxico da Limia e o concello de Vilar de Santos queren contribuír á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado ao extraordinario cancioneiro popular tradicional, rendendo homenaxe de consideración e gratitude a todas as cantareiras do territorio, nas persoas de Concha Dacal Álvarez (A Gándara- A Porqueira), Mª Cristina Gómez Gómez (Rebordechao-Vilar de Barrio), Hermelinda Seguín Matías (Sas- Sarreaus), Avelina Limia e Celia Quintas (Toxediño- Vilar de Santos), Mª Gracinda Gomes Ferreiro (Outeiro- Vilar de Santos), Dorinda García Ferreiro (Laioso- Vilar de Santos), Isabel e Concha Jardón Pérez (Castelaos- Vilar de Santos), Carmen e Dolores Bouzas Quintas (Vilar de Santos), Isabel Santana Bouzas (Vilar de Santos) e Celsa Seguín Valencia (Rioseco- Calvos de Randín). [ Datos tirados do Catálogo de músicos da Limia. Música tradicional, 2005]
O Museo da Limia publicou, o catálogo antes citado no ano 2005 e, no ano 2009, da man de Cástor Castro, Félix Castro e Pablo Carpintero, Os sons da Limia, música tradicional, e recibiu hai uns meses fermoso agasallo musical: unha compilación de cantares da zona, recollidos polo estudoso Francisco Rodríguez, orixinario do Toxal (A Porqueira) e dixitalizados por Baldomero Iglesias (Mero), un dos fundadores das agrupacións musicais Fuxan os Ventos e A Quenlla. Na web da institución pode escoitarse unha selección representativa desta magnífica recolla, que testemuña a relevancia da tradición musical limiá.
Agora iniciamos un proceso de promoción e divulgación do material recibido, poñéndoo ao alcance dos/as interesados/as na páxina web do Museo da Limia.
(Xa se pode acceder á primeira mostra no enlace: https://www.museodalimia.com/letras-galegas-2025-musica-tradicional-da-limia/ )