​Xinzo de Limia acollerá por primeira vez unha parada militar e desfile conmemorativo polo 181 aniversario da Garda Civil

​Xinzo de Limia acollerá por primeira vez unha parada militar e desfile conmemorativo polo 181 aniversario da Garda Civil

O xoves 22 de maio as 12:00 na praza Carlos Casares

A Praza Carlos Casares será o escenario, o vindeiro xoves 22 de maio ás 12:00 h, da primeira parada militar e desfile oficial da Garda Civil que se celebra en Xinzo de Limia, no marco do 181 aniversario da fundación do corpo.

O acto supón un fito histórico para a vila, ao converterse no primeiro municipio elixido para acoller este tipo de celebración, que forma parte das accións impulsadas pola Comandancia da Garda Civil en Ourense co obxectivo de conmemorar o labor e a traxectoria do corpo desde a súa creación no ano 1844.

A parada contará coa presenza de autoridades, representación institucional e membros de distintas unidades da Garda Civil. O desfile, que partirá desde a Praza Carlos Casares, incluirá unha formación oficial con honras e simbolizará o compromiso do corpo coa sociedade e coa seguridade cidadá.

O Concello de Xinzo de Limia quere expresar o seu agradecemento pola elección da vila como sede desta celebración, un feito que representa unha mostra do vínculo estreito e da colaboración constante entre a administración local e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A cita, aberta á cidadanía, busca tamén achegar o traballo da Garda Civil á veciñanza, poñendo en valor os seus principios fundacionais e a súa vixencia como corpo esencial ao servizo do ben común.