Éxito de participación no I Premio Jaime Olmedo Limeses de Novela e Relato Infantil
Avigal e Antela Editorial reafirman o seu compromiso coa lingua e a literatura galega.
Coincidindo co Día das Letras Galegas, tivo lugar esta mañá no Museo Provincial de Pontevedra o acto de entrega do I Premio Jaime Olmedo Limeses de Novela Infantil e de Relato, un evento que congregou un cento de persoas, dende medios, representantes do sector cultural, educativo e literario, así como público xeral.
No transcurso do acto entregouse o premio de 3.000 euros na categoría de novela infantil ao escritor Ramón D. Veiga pola súa obra Pernascochas, unha historia divertida, emotiva e chea de sensibilidade, publicada por Antela Editorial e que busca conquistar aos lectores de entre 6 e 12 anos.
Así mesmo, fíxose entrega do premio correspondente na categoría de relato infantil a Gabriel Graña coa súa obra "Regulus un gato valente",recoñecendo tamén nesta modalidade a calidade e creatividade das propostas recibidas nesta primeira edición do certame.
Durante o acto, representantes de Avigal e Antela Editorial puxeron en valor a importancia de fomentar a creación literaria en galego desde a infancia e promover o acceso á lectura a través de iniciativas que conecten o mundo cultural co tecido social e económico de Galicia.
Con motivo desta celebración, Avigal agasallou 1.500 exemplares de Pernascochas nos seus puntos de venda por toda Galicia, contribuíndo a facer chegar a literatura infantil en galego aos fogares nunha data tan simbólica como o Día das Letras.
A obra gañadora estará dispoñible nas librarías e tamén poderá adquirirse directamente a través de Antela Editorial. Ademais, tanto o autor como a editorial preparan unha xira de presentación por diferentes puntos da xeografía galega, que se anunciará proximamente, co obxectivo de achegar a obra aos centros educativos, bibliotecas e espazos culturais.
O certame, promovido por Avigal en colaboración con Antela Editorial, nace coa vontade de consolidarse como unha referencia no apoio á literatura infantil en galego, ofrecendo unha plataforma de visibilidade e recoñecemento para autores e autoras que escriben na nosa lingua. Esta iniciativa supón tamén unha firme aposta polo noso rural, pola nosa cultura e polo idioma de seu, demostrando que desde o territorio e co compromiso das empresas e editoriais galegas é posible construír proxectos transformadores e duradeiros.