Un evento que aglutina cultura, festa e igualdade nun mesmo lume sagrado

As Vestalias regresan a Xinzo: unha noite de lume, memoria e poder feminino

As Vestalias regresan a Xinzo: unha noite de lume, memoria e poder feminino

A irmandade das vestais revive o espírito de Roma entre Mérida, Astorga e a Xinzo de Limia

O vindeiro sábado 31 de maio, a vila de Xinzo de Limia acollerá unha das recreacións históricas máis singulares do calendario galego: as Vestalias, organizadas pola A.C. Civitas Limicorum co apoio do Concello de Xinzo de Limia, que celebra este ano a súa II Concentración Nacional de Vestais.

Unnamed (3)

A cita contará coa participación de vestais procedentes de Emerita Augusta (actual Mérida), Asturica Augusta (hoxe Astorga) e tamén das vestais da propia Civitas Limicorum, nun reencontro simbólico de territorios que compartiron historia no mundo romano e que hoxe volven unirse arredor do lume sagrado da deusa Vesta.

As Vestalias eran unha das festas máis importantes da Roma antiga, dedicadas á deusa do fogar e do estado. Durante estes días, as vestais —mulleres consagradas ao servizo da deusa— abrían por única vez ao ano o templo de Vesta para que as demais mulleres de Roma puidesen facer as súas ofrendas. Custodiaban o lume sagrado, símbolo da continuidade e da protección da comunidade. Eran figuras de enorme prestixio e autoridade moral, e exercían un poder pouco habitual para o seu tempo, nunha sociedade profundamente patriarcal.

A través desta recreación, a A.C. Civitas Limicorum non só busca divulgar este legado histórico, senón tamén poñer en valor a forza das mulleres como axentes de cohesión social, líderes espirituais e transmisoras de memoria, establecendo unha ponte entre a antigüidade clásica e os valores contemporáneos da igualdade, o respecto e o empoderamento feminino.

O programa dará comezo ás 20:30 horas cun desfile polas rúas de Xinzo, seguido da representación teatral “Vesta é a Lei”, que recrea un episodio simbólico onde a palabra da Vestal Máxima prevalece incluso sobre o poder militar. A continuación terá lugar o espectáculo“O lume que nos une", seguido da emotiva Danza do Lume Sagrado, interpretada polas vestais emeritenses.

Un dos momentos máis agardados será o lanzamento de faroliños, como ofrenda simbólica á memoria das que xa non están e á continuidade das nosas raíces compartidas. O evento culminará cun desfile final nocturno.

As Vestalias forman parte do ciclo de actividades previas ao 25º aniversario da Festa do Esquecemento, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de agosto de 2025. A proposta nace do traballo constante do tecido asociativo da vila e conta co apoio decidido do Concello de Xinzo de Limia, que aposta por dar espazo a proxectos culturais nacidos desde abaixo, comprometidos co territorio e coa participación activa da veciñanza.

A actividade desenvolverase na Praza Maior de Xinzo de Limia, que se converterá nun espazo simbólico e escenográfico para acoller o templo, as vestais, o público e todas as accións da programación. O desfile inaugural, que dará comezo ás 20:30 horas, partirá desde o Museo Galego do Entroido e percorrerá a Rúa 2 de Maio, a Avenida de Madrid, a Avenida de Ourense, a contorna da estación de autobuses e a zona dos viños, ata desembocar na praza principal da vila, onde se celebrará o resto do evento.

Un ano máis, a historia, a forza das mulleres e o lume da memoria volverán iluminar Xinzo.

VESTALIAS 2025

II Concentración Nacional de Vestais


🗓️ Sábado, 31 de maio de 2025 (Praza Maior)

20:30 h – Desfile inicial


Percorrido:

Museo Galego do Entroido → Rúa 2 de Maio → Avda. de Madrid → Avda. de Ourense → Estación de autobuses → Pza de Oriente → Zona dos viños → Praza Maior

21:00 h – Teatro: “Vesta é a Lei”

21:30 h – Espectáculo: “O lume que nos une”

22:15 h – Danza do Lume Sagrado

22:30 h – Lanzamento de faroliños

23:00 h – Desfile final

Percorrido:

Avda. de Madrid → Pza Xoán XXIII → Zona dos viños → Pza de Oriente → Estación de autobuses