Vilar de Santos xogará o Torneo Internacional de Fútbol de Ribadeo
A Mariña lucense acollerá entre o 23 e o 25 de maio a XIX edición do Torneo Internacional de fútbol veterano que ten o fin solidario de axudar a unha veciña enferma, Iriana.
A Asociación Cultural, Deportiva e Veciñal Vilar de Santos vai representar á provincia de Ourense na competición senlleira do fútbol veterano e farao por segundo ano consecutivo. O equipo, que vén de alcanzar o ascenso á primeira división, competirá inicialmente contra o equipo arxentino Atlético Carlos Paz, os asturianos Deportiva Veteranos e os cántabros CD Noja nun grupo cuxos partidos se disputarán no campo municipal de Vilanova de Lourenzá.
No torneo participarán 94 equipos dos diferentes continentes. Xogarán equipos africanos coa o Mfandena United de Yaundée en Camerún, O Asaeb de Bilda en Arxelia ou o ALV Labattoir da Illa Mayotte ó norte de Madagascar. Dende diferentes latitudes europeas chegan equipos coma o Halas Hawks de Hallesowen no Reunido Unido ou os quince equipos portugueses. Igualmente, participarán equipos madrileños, andaluces, canarios, valencianos, extremeños, cataláns e cántabros.
Na edición de 2024, a ACDV Vilar de Santos conseguiu alcanzar os oitavos de final cun memorable partido contra a Selección Brasileira de Madrid por 2-0 no estadio municipal de Ribadeo, o recinto principal da competición.
Viaxarán 20 xogadores, acompañados das súas familias e afeccionados, nunha expedición que durará tres días e que, segundo o alcalde e futbolista Rubén Colmenero “Pisto”, “axudará a proxectar o nome do noso concello demostrando que somos unha comarca con toda a vitalidade e ilusión”.
O presidente, Walter Blanco explica que “esta viaxe é un premio para todo o clube e detrás del hai unhas empresas patrocinadoras que apoian incansablemente como Alutaf, Pretensados Hnos.Ferreiro, Teko Wood, MyG, Mulrevi, Centro Sport, Frutería Fátima, Patacas Gándara, José Tombo e Fillos, Fusion Fitness, Perruquería Noelia, Generali ou Carpintería Fandinga”.