Reelexidos os presidentes do PP de Bande e Os Blancos

Reelexidos os presidentes do PP de Bande e Os Blancos

En Bande, onde Sandra Quintas foi proclamada esta tarde presidenta da agrupación local dos populares, e José Manuel Castro foi novamente elixido no congreso celebrado onte a tarde

Bande

Paula Prado e Luis Menor poñen en valor os congresos locais como o de Bande como instrumento para “activar e preparar” ao PP de cara ás eleccións municipais de 2027

Sandra Quintas (Bande, 1982) foi proclamada esta tarde presidenta da agrupación do Partido Popular de Bande no congreso celebrado no salón de actos da Casa do Concello, convocatoria que contou coa presenza da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e do presidente provincial do PP, Luis Menor. Nas súas intervencións, ambos coincidiron en poñer en valor os congresos locais que están a celebrar os populares ourensáns como un instrumento eficaz para “activar e preparar” ao PP de cara ás eleccións municipais de 2027, xusto cando se cumpre o ecuador do actual mandato.

Nese sentido, Paula Prado destacou que os populares estean “nun ano de moitos conclaves”, porque “para que un partido funcione ben e poida ofrecer credibilidade, ten que estar organizado”. De feito, lembrou, tamén se celebrará en breve un Congreso Nacional co mesmo obxectivo: “En Bande ou en Madrid sairá un PP plenamente preparado para os retos do futuro, con moita ilusión, ganas e valentía”.

En canto á nova presidenta local, a número dous dos populares galegos subliñou que Sandra é unha das 30 rexedoras do PPdeG, a formación galega que máis ten, 13 delas provincia de Ourense. “Representa o mellor do noso partido: leva máis de 5 anos sendo alcaldesa e é un exemplo de muller atrevida, que protexe aos seus veciños e que tamén exerce da mellor forma como secretaria xeral do PPdeOU”.

“O noso obxectivo aquí en Bande está claro e temos por diante dous anos para, entre todos, volver a conseguilo. Estou segura de que temos ao mellor equipo e á mellor capitana posible. É importantísimo seguir tendo gobernos fortes e estables para non ter que dedicar o tempo a nada máis que resolver os problemas da xente”, concluíu Paula Prado.

LUIS MENOR PIDE ESTAR LISTOS PARA DICIRLLE Á CIDADANÍA: “HAI ALTERNATIVA”

Luis Menor, pola súa parte, felicitou a Sandra Quintas pola capacidade de traballo que ten demostrada, xa que ademais do ámbito da xestión municipal, como alcaldesa de Bande, tamén desenvolve un labor político fundamental no PP de Ourense. Quintas, dixo, pertence a esa nova xeración de mulleres do Partido Popular que, á marxe de cotas, “representa a capacidade de traballo, a preparación e visión política, por iso está hoxe á fronte da secretaría xeral do PP ourensán”.

Para Luis Menor, o traballo que se está a facer para normalizar a vida política nas agrupacións locais é un xeito de “armar o partido” cara as próximas eleccións municipais de 2027, xusto cando se cumpre o ecuador do mandato local. Con todo, advertiu, hai que estar “alerta” porque que en calquera momento pode haber unha convocatoria “sorpresa” de eleccións xerais por parte de Pedro Sánchez: “Temos que estar preparados para dicirlle á cidadanía que hai alternativa”.

SANDRA QUINTAS DESTACA O “BO MOMENTO” DO PP DE BANDE

Ademais de destacar a recuperación da normalidade orgánica do PP local —cunha xestora desde outubro de 2022—, Sandra Quintas incidiu no “bo momento” polo que atravesa o partido en Bande, “mantendo a forza e solidez que lle procura o apoio maioritario da veciñanza en cada convocatoria electoral”, engadindo que ampliar as bases do PP “resulta fundamental para eses resultados”.

En referencia ao seu equipo de traballo no partido, Quintas sinalou que contará con todas as persoas que ata agora demostraron o seu compromiso coas siglas populares, tanto o grupo municipal “por ser o que más esforzo realiza, pero sen esquecer ás moitas persoas que colaboran sempre co partido”.

Foto Congreso Local PP Bande


Os Blancos

Luis Menor recoñece o traballo do novo presidente da agrupación dos Blancos “para manter a unidade e fortaleza” do PP local

 José Manuel Castro Blanco (Os Blancos, 1969) foi elixido onte presidente da agrupación local do Partido Popular nos Blancos, durante o congreso celebrado onte a tarde na Casa da Cultura. Unha convocatoria na que o presidente provincial, Luis Menor, recoñeceu o traballo realizado polo tamén alcalde popular “para manter a fortaleza e unidade do PP no concello e o apoio de militantes e simpatizantes”.

Na clausura do congreso, Luis Menor puxo en valor a figura dos presidentes das agrupacións locais polo coñecemento que teñen do territorio e o obxectivo que común que comparten: “conseguir a confianza da xente no noso proxecto político”.

Con estes congresos, engadiu, trátase de consolidar e seguir construíndo “un compromiso forte co partido”, desta volta no ámbito rural, “un dos piares desta provincia, como tamén dos Blancos, cun sector primario que é a actividade económica de maior peso no concello”.

Xa como novo presidente, José Manuel Castro subliñou o importante paso dado con este congreso para “normalizar e organizar o partido”, ata hoxe baixo a dirección dunha xestora desde xuño de 2022. Asegurou Castro que o PP dos Blancos é un partido “forte e moi unido”, o que afirma que servirá de base para manter a maioría absoluta no concello, “sen esquecer que tamén temos que sumar a nivel comarcal, provincial, galego e estatal”.


Foto Congreso Local PP Os Blancos