A Xunta prohibe desde o martes as queimas agrícolas e forestais de particulares, ata novo aviso.
Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos non terán validez a partir de mañá.
Desde mañá, martes 27 de maio, e ata novo aviso, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos non terán validez a partir de mañá. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos.
Esta medida tomouse despois de avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.
Tense tamén en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.
Asemade, a Consellería do Medio Rural pide unha vez máis a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde mañá e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal por parte dos particulares. A maiores, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.