Campamento rural: un pobo para xogar
A aventura do cotiá: facer para ser. O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso lanza unha nova edición do seu campamento rural en Lodoselo para este verán.
A demanda de conciliación das familias no rural é cada vez maior polo rigor do ritmo laboral e a mingua dos núcleos familiares. O CDR ten desenvolvido diferentes formatos desta actividade educativa que transcende o espectro lúdico dos campamentos. A proposta susténtase no pobo como oportunidade para xogar e aprender a desfrutar dos recursos que ofrece e que axudaron a marcar durante xeracións as infancias dos seus habitantes. A convivencia entre animais, árbores, monte, xogos e auga provoca un espazo ideal para as nenas e os nenos da Limia.
Está dirixido á rapazada que se atopa en idade de ir ó colexio (3-12 anos) e, como vén sendo habitual, ofértanse 40 prazas en cada unha das catro quincenas nas que se celebrará. Facilitarase unha opción de transporte colectivo para aquelas familias que prefiran esa modalidade a levar ás crianzas directamente ó albergue de Lodoselo. A proposta reserva prazas exentas de pago para as familias en situación de máis vulnerabilidade.
O procedemento de solicitude de praza será do 26 ó 31 de maio en modalidade online e tras o pertinente sorteo en caso de que as solicitudes superen ás prazas, habilitarase un período de matrícula presencial a partir do 5 de xuño nas oficinas do CDR na rúa Ladeira. Esta actividade forma parte do Concilia rural, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.