Xinzo de Limia acollerá a charla “Recuperar a terra. Deseñar o futuro” para conectar persoas propietarias de terras con proxectos en busca de solo
O obxectivo destas sesións é poñer en contacto a persoas propietarias de parcelas rústicas sen uso coas que buscan terreos para iniciar ou ampliar proxectos vinculados ao sector primario.
O vindeiro xoves 29 de maio, ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Xinzo de Limia acollerá unha nova sesión das charlas informativas “Recuperar a terra. Deseñar o futuro”, unha iniciativa promovida polo GDR Limia-Arnoia co apoio da Deputación de Ourense e do Concello de Xinzo de Limia.
O obxectivo destas sesións é poñer en contacto a persoas propietarias de parcelas rústicas sen uso coas que buscan terreos para iniciar ou ampliar proxectos vinculados ao sector primario. Trátase dun espazo de encontro que fomenta a recuperación produtiva da terra como vía para dinamizar o rural e frear o seu abandono.
Durante a charla, explicarase o funcionamento da plataforma ATERRA, unha ferramenta dixital que facilita a xestión segura e transparente destas conexións. Ademais, compartirase información práctica sobre os pasos a seguir para incorporarse ao programa, e responderanse as dúbidas das persoas asistentes.
A iniciativa, que xa se vén desenvolvendo con éxito noutras localidades da comarca da Limia, chega agora a Xinzo como parte dun percorrido que busca activar o potencial agrogandeiro e forestal da zona.
A entrada é libre ata completar aforo.