Novo aparcadoiro municipal no barrio do Poligono
Xinzo de Limia continúa mellorando a mobilidade urbana cun novo aparcadoiro de 98 prazas e a recuperación da rúa Río Arnoia no barrio do Polígono
O Concello de Xinzo de Limia vén de anunciar o inicio de dúas novas actuacións estratéxicas no barrio do Polígono, orientadas a mellorar a mobilidade, o acceso aos servizos e a calidade urbana dunha das zonas con máis actividade da vila. A intervención principal será a creación dun novo aparcadoiro público e gratuíto, que se complementará coa Fase 1 do plan de recuperación da rúa Río Arnoia.
O novo aparcadoiro situarase entre as rúas Río Sil, Río Arnoia e Río Arenteiro, a escasos metros da rúa Dous de Maio, recentemente renovada cun investimento de 205.000 euros. Este espazo ofrecerá servizo á zona comercial de Dous de Maio, á rúa A Ladeira e aos principais puntos administrativos e sanitarios do barrio: praza de abastos, centro de saúde, xulgado e numerosos negocios locais.
Contará cunha superficie de 2.700 m², distribuída en 98 prazas para vehículos e 6 prazas para motos, con accesos polas rúas Río Sil e Río Arenteiro. Estará dotado de rede de sumidoiros e sistema de alumeado público, e terá firme asfaltado. O investimento ascende a 48.141,62 euros (IVE incluído), financiado integramente con fondos propios municipais.
En paralelo, acometerase tamén a Fase 1 da mellora da rúa Río Arnoia, no tramo comprendido entre as rúas Río Sil e Río Miño. Esta intervención incluirá a renovación do firme mediante aglomerado asfáltico, o recrecido e axuste de tapas e sumidoiros, o pintado integral da vía e a instalación de nova sinalización horizontal, incluídos pasos de peóns elevados. O orzamento total da actuación ascende a 59.998,49 euros, financiado a través dunha subvención nominativa da Deputación de Ourense.
Segundo explicou o concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, “esta é unha mostra máis da nosa aposta firme por un modelo de vila cómodo, accesible e funcional. Os aparcadoiros públicos e gratuítos son fundamentais para aliviar o tráfico, facilitar os desprazamentos e, sobre todo, dinamizar o comercio local, ofrecendo máis comodidade tanto para residentes como para visitantes”.
Con este novo espazo, Xinzo contará con catro grandes aparcadoiros gratuítos: o da rúa Curros Enríquez, o da Avenida de Celanova, o da Avenida de Madrid e San Sebastián e agora este último no barrio do Polígono. “Non se trata só de crear máis prazas, senón de facelo onde realmente se necesitan, en zonas que concentran actividade comercial, administrativa e veciñal. Seguiremos traballando nesta liña”.