As balsas e os perigos que “non existen”
Continuan as inquedanzas dos veciños de San Pedro de Laroá polo plan de regadio.
O tempo xa nos deu a razón aos de San Pedro, e non nos fixo esperar moito. Mesiño e medio pasou desde que vos contamos por enriba a odisea que estamos a vivir e a evidencia xa nos trae novas preocupacións.
Resulta que, como cada ano por estas datas, había que encher a balsa de Trandeiras, esa que nos puñan de exemplo de que estas construcións son seguras aínda que estean por riba das aldeas. “Leva anos aí e nunca pasou nada” dicían.
Coma sempre, e por desgraza, non pasa nada ata que a auga chega ao pescozo. Disque houbo un pequeno erro humano e a auga que debía estar tan tranquila no alto do monte escorregou ladeira abaixo, inundando fincas e cortando a estrada, como podedes ver nas imaxes.
E nós agora preguntámonos: se isto sucedeu cun pequeno despiste humano, ¿qué pasaría se racha a piscina que nos queren colocar por riba de San Pedro?
Aínda así, o que nos ten con maior inquedanza é o motivo polo que os responsables da construción da piscina continúan a ignorar as nosas peticións, persistindo no seu desacerto, este sí de dimensións considerables, pero que aínda é fácil de corrixir, ao estar aínda soamente sobre os planos.
Xa chegan os acontecementos que nos sorprenden porque como humanos non os podemos prever, como para ignorar os que estamos vendo ás claras desde antes de pousar a primeira pedra.
Nas nosas entendedeiras paga a pena cambiar un croquis para evitar poñer en risco a vida e a paz de centos de veciños. ¿A vós que vos parece?
Con todo o noso amor,
Os veciños de San Pedro de Laroá.