A Deputación visibiliza os xacementos arqueolóxicos da Raia Seca a través da xornada “Arqueoxurés: Xacementos que falan, unha viaxe ao pasado”

A Deputación visibiliza os xacementos arqueolóxicos da Raia Seca a través da xornada “Arqueoxurés: Xacementos que falan, unha viaxe ao pasado”

Esta iniciativa, centrada na arqueoloxía da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), celebrarase o sábado 7 de xuño de 2025 no Balneario de Riocaldo (Lobios)

A Deputación de Ourense promove a visibilización dos xacementos arqueolóxicos da Raia Seca a través dunha xornada, o vindeiro 7 de xuño, que se celebrará no Balneario de Riocaldo, en Lobios, centrarase na arqueoloxía da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerès-Xurés (RBTGX) e levará por título “Arqueoxurés: Xacementos que falan, unha viaxe ao pasado”.

Este encontro profesional reunirá nun entorno natural privilexiado a institucións, investigadoras e investigadores, así como axentes culturais de ambos lados da fronteira, nun espazo de diálogo e intercambio arredor do patrimonio arqueolóxico común.

A xornada forma parte das accións promovidas pola Deputación de Ourense no marco do proxecto “Gerês-Xurés Mais Sustentável”, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027. Trátase dunha iniciativa que aposta por reforzar a cooperación transfronteiriza e construír unha visión compartida de desenvolvemento sostible na fronteira galego-portuguesa, situando a cultura e o turismo sostible como motores do desenvolvemento económico, a inclusión social e a innovación. Todo isto, aliñado coas prioridades de investimento dirixidas a afrontar o reto demográfico dos territorios de fronteira.

Durante a xornada presentaranse boas prácticas, así como algúns dos últimos traballos arqueolóxicos desenvolvidos na RBTGX, especialmente na parte galega. Ademais, exporanse propostas de valorización do territorio, reforzando así o papel do turismo cultural e científico como eixo estratéxico para o desenvolvemento da RBTGX e como exemplo inspirador para outras rexións europeas.

Entidades sociais do proxecto

As entidades sociais do proxecto “Gerês-Xurés Mais Sustentável” son a Deputación de Ourense, Turismo de Galicia, CIM do Alto Minho, Turismo do Porto e Norte de Portugal, Parque Nacional da Peneda-Gerês (ADERE), Associação Regional de Desenvolvimento do Alto Lima (ARDAL), e os municipios portugueses Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponte da Barca e Terras do Bouro.

Todos estes socios comparten a convicción de que o patrimonio —arqueolóxico, natural ou inmaterial— pode ser un auténtico motor de transformación territorial cando é xestionado con intelixencia colectiva e visión de futuro.

Programa da xornada

O programa da xornada “Arqueoxurés” desenvolverase a partir das 10:30 horas no Balneario de Riocaldo, en Lobios. A primeira ponencia, a partires das 11.00 horas, levará por título “A Geira Romana – Terras de Bouro – e o proxecto CulturMonts”, a cargo de Helena P. Abreu, do Laboratório de Paisagens, Património e Território (Lab2PT) da  Universidade do Minho (Portugal).

A segunda ponencia, ás 11:20h, versará sobre “Escavando a paisaxe do Extremo (Arcos de Valdevez): entre fortificacións e terrazas agrarias”, e será impartida por Rebeca Blanco-Rotea, do Lab2PT da Universidade do Minho (Portugal).

Ás 11.40 horas, a conferencia será “Presenza campamental romana no Gerês-Xurés”, a cargo de Manuel Gago, do Equipo de investigación Roman Army.

Ás 12:20 horas será o turno de “Últimas escavacións en Aquis Querquennis – Via Nova (Bande)”, a cargo de Santiago Ferrer, da  Fundación Aquis Querquennae – Vía Nova.

En torno ás 12:40 horas, abordarase a “Análise das fortalezas medievais do val do Salas: da Fraga Raxada (Lobios) ao Castelo da Piconha (Randín)”, a cargo de Juan Manuel Galiña, da Universidade de Vigo, e de Eduardo Breogán Nieto, de Breogán Arqueoloxía.

A xornada concluirá ás 13.00 horas con “O Castelo de San Adrao (Lobeira)”, a cargo de Benito Vilas, de Árbore Arqueoloxía.

As inscricións poden realizarse a través do seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/1K5Dm1YcqXroH1iCEVyy4a2e59IYCO8i0vaEOACLEhPA/preview?edit_requested=true