Xuntarse para voar máis alto
Sen ser dinosauros terópodos nin parentes dos crocodilos
O alumnado de bioloxía de segundo de secundaria dos IES Lagoa de Antela de Xinzo e o IES de Allariz viviu en Lodoselo unha xornada lectiva especial.
Recibir á xuventude é recibir a súa enerxía, o seu ímpeto e a súa curiosidade así que debuxábase un día esixente que se tornou en pracer por practicar e aprender reciprocamente. Un novo amigo do CDR, Javier de las Heras, compartiu connosco un cachiño do moito que sabe de paxaros e natureza e fixémolo sen medo á didáctica expositiva combinada coa experimentación de campo. As leccións maxistrais seguen estando en pleno vigor se se executan dende o coñecemento profundo e a empatía, como foi esta. Engaiolou ós rapaces e rapazas para explicar, paradoxicamente, como os paxaros son felices fóra das gaiolas. Fóra, xa ó aire libre e paseando polos carreiros, vimos cos ollos e cos oídos a festa que traían os paxaros que habitan a Limia, canda nós, estes días.
Esta actividade experimental foi o complemento perfecto ó noso xardín sensitivo, que comeza a estar espléndido a pesar de non ter aínda nada co que adestrar o gusto. Amorodos, grosellas e moras están aínda querendo asomar así que usamos o forno para aprender, enredar e relamber.
A mocidade segue querendo aprender máis do seu propio medio, o rural. Será que as persoas adultas non estamos sabendo ser escolas?
Esta actividade forma parte do programa O noso espazo, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF