APADRIÑAR

            Houbo un momento en que pensei en apadriñar a algún rapaz por medio dunha ONG, pero logo dous motivos fixeron que me botara para atrás.

San Agostiño, para nós, San Agustín en español, en moitos libros relixiosos e de filosofía foi un dos principais persoeiros en salientar a labor dos padriños, que chegaron a ter incluso recoñecemento legal nalgúns países europeos nos seus códigos civís. En min ninguén pensou para ser padriño, así que en tal aspecto son totalmente virxe, ningún familiar ou amigo mo propuxo, supoño que tiveron unha certa prudencia, non fose ser que o afillado puidera fixarse de máis en como era o padriño, e lles saíra un chisco toleirán.

            Houbo un momento en que pensei en apadriñar a algún rapaz por medio dunha ONG, pero logo dous motivos fixeron que me botara para atrás. O primeiro era como unha sensación de querer calmar a conciencia, parecíame como unha taxa a pagar para sentirme satisfeito comigo mesmo; pago tanto por un afillado, nos Andes imos dicir, e xa semella que teño entrada gratis no reino dos Ceos, pois vai ser que non. O segundo un non fiarse en exceso; algo que logo de ver como foron as cousas en moitas de tales organizacións, non digo todas, pero si moitas, foi un acerto. Uns amigos meus que ían viaxar ao país onde tiñan o afillado quixeron velo, e nin conto os atrancos; -que se estaba prohibido; -oia que non o queremos levar de xunto aos seus pais, só entregarlle uns regalos xa que imos ao país; -os regalos dámosllos nós pero está prohibido; -pois nós queremos velo igual; -ai que mágoa que o rapaz morreu onte!

            Todos soubemos de que unha foto, do pretendido afillado, figurou en diversas casas da nosa xeografía, e o dano que fixo tal estafa, trouxo que moitas organizacións, das de verdade, das que coidan dos necesitados, viran minguados os seus ingresos por mor dunha grea de delincuentes, capaces de realizar estafas poñendo a uns meniños por diante.

            Souben dalgunha xente que andaba a apadriñar pingüiños, e aí debo recoñecer que erguín a cella, sobre todo ao saber que a organización con máis éxito en tal eido era o Exército de Terra español no Antártico, ata teñen páxina web en tal sentido, e louvan os seus méritos na mesma, teñen vostedes ata un vídeo de titoría para tal mester, por se lles apetece.

            Digo eu que se xa non podes fiarte do Exército español de Terra no aspecto de apadriñamento de pingüiños, entón  que pare o Mundo que é mellor baixar de el; así que comentei o tema no Centro Social de A Filgueira (Porqueira), pero claro, cando comezas a falar, vanse producindo diversas ideas nas que non  pararas a pensar, tivemos debate, e ao debater, fas traballar aos miolos.

            Persoalmente cheguei á conclusión de que querería coñecer ao animal apadriñado, non me vale un apadriñamento xeral, en man común por entendérmonos; ten vostede unha milésima parte de padriño nos corenta mil pingüiños apadriñados; non, eu quero que o meu sexa tatuado para poderlle poñer nome ademais, por exemplo Manolo, aínda que me saia máis caro, e de cando en vez ter algún vídeo de Manolo batuxando na auga, e comprobando que non foi obxecto de caza por algunha candorca, que seica os empregan ás veces como unha especie de xoguete coas súas crías, para que saiban cazar mellor, antes de papalos. Imaxinen ver ao meu Manolo de fociño en fociño de candorca, antes de ser o menú do día; non o podería resistir.

            No debate chegamos á conclusión de que a idea non é mala, chanceo aparte, pero entón nós temos que ser espelidos e mirar polo noso, e que é o noso?, pois as ras. Clama ao ceo que xa non teñamos sitios onde o prato estrela sexa a ra, aquí na Limia, unha vergonza, un aldraxe, unha miseria, un crime, así o digo, con serenidade e sen alporizarme, entón, conclusión, debemos apadriñar ras.

            As poucas que se pescan están indo, maioritariamente, para Sanabria, e aquí agardando que caian en plan maná, e non van caer do ceo, agora veñen as conxeladas xaponesas ou de outras latitudes, que non teñen nada que ver co sabor das nosas.

            Debemos comezar por erguer un santuario de ras, xa vimos que o das granxas non deu bo resultado, así que un santuario, e podemos apadriñalas; obviamente non imos papar ás nosas afilladas, pero das crías nada se dixo, e sería un xeito de poder erguer a veda que nos ten tan amolados a todos.

            Por tanto habería que montar unha asociación para apadriñar ras, e logo, o sistema para poder quitar á súa descendencia para a cuestión culinaria, sen que as afilladas vaian parar ao prato, e ademais de poder volver catalas, con grande ledicia para o meu padal, eu cumpriría o soño de ser Padriño, así, con maiúscula. 

XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN