Ten que estar rematados os traballos en 12 meses
O 16 de xuño comezarán as obras do proxecto da Avd de Ourense e Madrid
Humanización das avenidas de Ourense e Madrid
O Concello de Xinzo de Limia e a Subdelegación do Goberno confirmaron hoxe que o vindeiro luns, 16 de xuño, darán comezo as obras de humanización das avenidas de Ourense e Madrid, principal travesía da vila. Trátase dun proxecto de gran envergadura que transformará este eixo viario nun espazo máis amable, seguro e accesible para a veciñanza.
A actuación, promovida polo Ministerio de Transportes e financiada con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, supón un investimento total de máis de 4 millóns de euros e un prazo de execución previsto de 12 meses. O obxectivo principal é humanizar a travesía, potenciando a mobilidade sostible e mellorando a calidade urbana da vila.
Desde o Concello de Xinzo insístese na importancia desta obra tanto pola súa dimensión coma polo impacto positivo que terá para a vila. “A Concellería de Obras e Mobilidade traballou arreo durante anos para facer realidade esta intervención, que por fin comezará a materializarse. É unha gran nova e agradecemos ao Goberno de España a súa implicación con Xinzo”, declarou o alcalde Amador Díaz.
A obra inclúe a renovación integral do firme, creación de beirarrúas e carrís bici, instalación de zonas axardinadas, mellora da accesibilidade e plataformas elevadas para pasos de peóns, entre outras melloras. Tamén haberá unha oficina aberta ao público para que as persoas poidan consultar o proxecto ou transmitir as súas inquedanzas.
Esta mañá tivo lugar unha visita institucional, á que asistiron o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o director da obra; o alcalde de Xinzo, Amador Díaz; membros da corporación municipal; e responsables técnicos do proxecto.
O Concello de Xinzo colaborará activamente coa dirección da obra e co Ministerio na coordinación dos traballos, co obxectivo de minimizar as molestias que poidan ocasionarse durante a execución. Desde o consistorio agradécese por adiantado a comprensión da veciñanza e pídese paciencia ante unha actuación que marcará un antes e un despois na imaxe da vila.