A Xunta destina 1millón de € á nova Base de Unidade Operativa (BUO) de Incendios Forestais e Oficina Rural de Bande

A Xunta destina 1millón de € á nova Base de Unidade Operativa (BUO) de Incendios Forestais e Oficina Rural de Bande

A conselleira María José Gómez presentou hoxe esta nova infraestrutura, pensada entre outras cousas para facilitar a conciliación entre descanso e traballo dos profesionais de loita contra incendios, e que entrará en servizo ao longo do ano 2027

A Xunta investirá arredor de 1 millón de euros na futura Base de Unidade Operativa (BUO) de incendios forestais de Bande, que tamén acollerá a renovada Oficina Rural desta localidade ourensá. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou hoxe proxecto desta infraestrutura, cuxos traballos comezarán no segundo semestre deste ano e que se prevé que entre en servizo ao longo do 2027.

20250603ConseMRBandeII

Segundo explicou Gómez, esta instalación responde ás novas sedes agrupadas e conxuntas que se están facendo por outras zonas de Galicia para mellorar o servizo que a Consellería presta aos cidadáns e tamén para avanzar na defensa fronte os incendios forestais. Salientou ademais que a súa construción combinará a solidez do formigón coa calidez e sustentabilidade da madeira laminada e que a elección destes materiais está baseada na durabilidade, eficiencia e respecto polo medio ambiente.

A nova BUO servirá para acoller ao persoal e medios de loita contra incendios, procurando unha mellor conciliación entre descanso e traballo destes profesionais. Estará dividida en dous andares e contará con sala de control, vestiarios, garaxe e sala de xuntas, entre outras instalacións. A Oficina Rural, que cambia a súa sede para esta nova infraestrutura, contará tamén con dous andares e disporá de sala de atención ao público, ala de reunións e almacén técnico, entre outros servizos.

20250603ConseMRBandeI

A conselleira explicou que esta iniciativa enmárcase no Plan de Infraestruturas do seu departamento, que prevé un investimento total de 13,7 millóns de euros no bienio 2025- 2026, co fin de ampliar e mellorar as súas instalacións sobre o territorio. Estes fondos servirán para construír e reformar ata sete instalacións, incluída a presentada hoxe en Bande. Trátase das bases de medios aéreos de Lalín e Valga (esta localidade contará ademais cunha nova BUO); outras dúas bases de unidade operativa en Portas e Tui e a construción e adecuación da base aérea de Antela, na localidade ourensá de Sandiás.