​O Concello de Xinzo intensifica a campaña de desbroces cun operativo reforzado que funcionará durante seis meses

​O Concello de Xinzo intensifica a campaña de desbroces cun operativo reforzado que funcionará durante seis meses

A campaña estenderáse ao longo de seis meses, abrangue os máis de 30 núcleos rurais repartidos polos 132,7 km² de superficie do municipio.

O Concello de Xinzo de Limia leva xa un mes e medio desenvolvendo a campaña de desbroces do ano 2025, coa posta en marcha do operativo máis ambicioso da última década. Por primeira vez, o dispositivo municipal conta con dous tractores traballando de xeito continuo e unha brigada manual de apoio que percorre os núcleos despois do paso da maquinaria.

A campaña, que se estenderá ao longo de seis meses, abrangue os máis de 30 núcleos rurais repartidos polos 132,7 km² de superficie do municipio. Ata o de agora actuouse xa en Lamas, Soutelo de Ribeira, Cima de Ribeira, A Gorgoloza, Mosteiro de Ribeira, Casas da Veiga, Parada de Ribeira, Rebordachá, Trandeiras, Gudín e Seoane de Oleiros.

O método aplicado consiste nun primeiro paso mecanizado co tractor, seguido dunha intervención manual para garantir un desbroce eficaz en zonas de difícil acceso. Ademais, en breve incorporaranse tres novos operarios municipais, que asumirán actuacións específicas máis complexas, especialmente nas franxas de protección contra incendios.

O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, puxo en valor o esforzo municipal nesta campaña: “Levamos xa mes e medio traballando e entendemos que aínda non se chegou a todos os núcleos, pero sen dúbida os medios e recursos que estamos mobilizando este 2025 superan os de anos anteriores. Confiamos en que este esforzo se acabe vendo reflexado en todo o municipio.”

Ademais, dende o consistorio faise un chamamento á comprensión veciñal. A planificación dos traballos atende tamén ao calendario festivo das parroquias, para que os espazos públicos estean preparados para as celebracións. Unha vez superada esa primeira fase, a campaña continuará de xeito progresivo ata cubrir a totalidade dos núcleos do rural.

Unnamed (59)

Unnamed (58)

MAR04263