Xinzo de Limia acollerá este sábado unha das grandes citas do karate galego

Xinzo de Limia acollerá este sábado unha das grandes citas do karate galego

Celebrarase a 3ª Xornada da Liga Galega de Karate 

O Polideportivo Municipal de Xinzo de Limia converterase este sábado 7 de xuño, nun dos epicentros do karate base en Galicia coa celebración da terceira xornada da Liga Galega de Karate, competición oficial organizada pola Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Trátase dunha das probas con maior participación do calendario autonómico, na que se inscribiron un total de 592 deportistas pertencentes a 32 clubs de toda Galicia, cunha ampla representación da provincia de Ourense e do propio club local, o Club de Karate Xinzo de Limia, que achegará 46 participantes. En total, a provincia estará representada por 196 deportistas de Xinzo, O Barco, Maceda e Ribadavia.

A competición desenvolverase en dúas quendas:

De 09:30 a 14:30 h: categorías xuvenil, cadete e júnior.

De 16:30 a 20:30 h: categorías prebenxamín, benxamín, alevín e infantil.

O evento reunirá a preto de 650 persoas entre deportistas, equipo técnico, árbitros, persoal de organización e equipo médico, converténdose nunha auténtica festa do karate de base. Competirase nas modalidades de kata (formas) e kumite (combate), cunha estrutura dividida en niveis de iniciación e avanzado, promovendo a participación e a progresión deportiva.

A cita poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Karate e a plataforma Karate Scoring. Ao longo do día faranse as entregas de medallas conforme rematen as distintas categorías.