Participando na VI Campaña "POR UN CONCELLO SEN LIXO". Un Sandiás máis limpo é cousa de tod@s
Concienciar e mobilizar aos veciñ@s do Concello cunha acción no Día do Medio Ambiente
O Concello de Sandiás, xunto co Ceip de Sandiás, e o Punto de Atención Infantil (PAI) e veciñ@s, veñen de por en marcha unha campaña con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que tivo por finalidade concienciar e mobilizar aos veciños para manter de forma colaborativa as contornas libres de lixo. A campaña leva por título “Á caza do lixo”. Unha das accións foi revisar determinados puntos de acumulación de lixo maior e levalos ao punto limpo máis próximo. 1000 quilogramos en grandes puntos de lixo.
Un ano máis, na mañá do sábado 8 de xuño, celebrando o Día Mundial do Medio Ambiente, para recoller o lixo dos montes, chairas e rúas. Recolléronse,aproximadamente, 1000 quilogramos de rodas de vehículos grandes, plásticos, cordas, cadeiras de madeira, esparto e outros restos de material orgánico. Os restos foron trasladados aos puntos limpos de Xinzo de Limia. Utilizouse para a tarefa de recollida un kit de limpeza aportado polo Concello consistente nun par de luvas, bolsas para o lixo e tres vehículos, un deles con remolque.
O Punto de Atención Infantil (PAI) e o Ceip de Sandiás, colaboran coa campaña
O Concello agradece por sexto ano ao PAI de Sandiás e o Ceip de Sandiás e aos veciños voluntarios que respostaron a convocatoria. Nen@s do PAI e de infantil e Primaria do Ceip de Sandiás participaron na campaña. Moitas grazas ao PAI e o Ceip de Sandiás e ao seu equipo educativo, papás, mamás, avós e avoas por colaborar na campaña. Por un concello sen lixo.
O percorrido do PAI foi un pouco máis curto desde o propio PAI ata o Albergue de Peregrinos porque orballaba. Os nenos e meniñas do Ceip de Sandiás percorreron todo o recinto ao redor do colexio. Comezaron poñendo as luvas e dispoñendo de bolsas e os máis pequenos con cubos e palas. Recolleron papeis, plásticos, algunha lata e botellas de cristal e cabichas de tabaco.
Pequenos xestos en idades temperás axudan a sensibilizar nunha conciencia ecolóxica que promova o coidado e respecto polo noso medio natural. Bravo por el@s
Aínda queda un longo percorrido na labor de facer pedagoxía e toma de conciencia por parte de todos, pero sabemos por onde temos que camiñar e persistir. Este pequeno xesto seguirase a facer nos próximos anos, xa que é unha acción que non custa, máis ben enorgullece, suma e, sobre todo, axuda a manter limpo o lugar onde vivimos.
A nosa obriga é colaborar e sensibilizar facendo pequenas accións. Non está de máis recordar que manter limpas as rúas, os parques, os xardíns, o río e os montes tamén é unha obriga da veciñanza, non só do Concello e da empresa encargada de recoller o lixo. Neste sentido, vanse notando melloras cada ano nas contornas das aldeas e das propias casas.
Para continuar o camiño cara a unha concienciación social e ambiental lembramos o punto limpo móbil da Deputación que fai retirada de residuos a domicilio e que precisa dunha simple chamada ao concello ( 988 46 50 01) e dos puntos limpos da Comarca da Limia (Xinzo de Limia, mércores e xoves entre 17.00 h e 19.00 h e sábado 10.00 h-14.00 h; Vilar de Santos, mércores de 10.00 h-14.00 h e Calvos de Randín, xoves de 10.00 h-14.00 h, para que ninguén do concello teña descoñecemento destes servizos e faga uso deles. Grazas e ata outro ano.