A exposición “Os fondos europeos en Galicia” chega á Praza Maior de Xinzo de Limia
O Concello de Xinzo invita a veciñanza e visitantes a achegarse á mostra e coñecer de preto como estes fondos contribúen a transformar o territorio galego, con exemplos reais e próximos.
Desde o 5 e ata o 19 de xuño, a Praza Maior de Xinzo de Limia acolle a mostra itinerante “Os fondos europeos en Galicia”, unha iniciativa que busca achegar á cidadanía o impacto positivo que os diferentes fondos da Unión Europea tiveron no desenvolvemento social, económico e territorial da Comunidade.
A exposición está composta por 16 paneis informativos que amosan de forma clara e visual a repercusión dos fondos europeos en ámbitos como a educación, a sanidade, a dixitalización, a investigación, a igualdade, a mobilidade sostible ou a eficiencia enerxética. Tamén se destacan proxectos relacionados coa protección do patrimonio cultural e natural, a inclusión social e o desenvolvemento rural e costeiro.
Galicia leva recibidos máis de 32.000 millóns de euros desde 1986 a través de distintas vías de financiamento europeo, sendo a Política de Cohesión a principal canle de achega. Estes recursos foron fundamentais para avanzar na mellora da calidade de vida e modernización das infraestruturas e servizos públicos.
O Concello de Xinzo invita a veciñanza e visitantes a achegarse á mostra e coñecer de preto como estes fondos contribúen a transformar o territorio galego, con exemplos reais e próximos.
A exposición, que xa pasou por localidades como A Coruña, Monforte, O Barco de Valdeorras ou Verín, continuará despois o seu percorrido por Pontevedra, Sanxenxo, Noia e Santiago.