Xinzo acolle a X Xornada técnica de reciclaxe do Comité Galego de Adestradores
Este encontro, ten como obxectivo principal ofrecer espazos de aprendizaxe e actualización continua para os profesionais do adestramento deportivo.
A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acolleu hoxe, durante toda a xornada, a X Xornada técnica de reciclaxe e actualización para adestradores, organizada polo Comité Galego de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol.
Este encontro, integrado no calendario oficial do fútbol autonómico, ten como obxectivo principal ofrecer espazos de aprendizaxe e actualización continua para os profesionais do adestramento deportivo. A xornada forma parte das accións de formación continua necesarias para manter a vixencia das licenzas de adestrador.
Desde o Concello de Xinzo valórase moi positivamente a celebración deste tipo de encontros, que reforzan o compromiso coa formación, a profesionalización do deporte e o impulso ao fútbol base en Galicia.