Lanzarote súmase á Asociación de Pobos Produtores de Pataca, nacida en Xinzo en 2023
A adhesión produciuse no marco do I Encontro Agroprofesional da Papa de Lanzarote,
A vila de Teguise (Lanzarote) vén de formalizar a súa entrada na Asociación de Pobos Produtores de Pataca, unha rede estatal de cooperación impulsada polo sector agrario que foi fundada no ano 2023 en Xinzo de Limia, onde tamén se rubricou o primeiro protocolo de colaboración entre municipios.
A adhesión produciuse no marco do I Encontro Agroprofesional da Papa de Lanzarote, onde se destacou a importancia deste cultivo para a economía local e se puxo en común a experiencia de distintas zonas produtoras de España. O acto contou coa participación do alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz.
Durante a xornada, analizáronse as singularidades dos mercados da pataca e abordouse a necesidade de avanzar cara a modelos de produción sostibles, tecnificados e cooperativos. A entrada de Lanzarote reforza o carácter plural e diverso da asociación, que integra territorios con realidades moi diferentes pero unidos pola defensa do cultivo e pola aposta pola calidade.
Amador Díaz destacou que “a adhesión de Lanzarote demostra que o proxecto iniciado en Xinzo fai dous anos segue a medrar e a crear pontes sólidas entre produtores de toda España. Só desde a unidade podemos enfrontar os retos do sector e garantir un futuro para a nosa pataca”.
A Asociación de Pobos Produtores de Pataca continúa así a súa expansión, promovendo o intercambio de coñecementos, a visibilidade do sector, a cultura gastronómica vinculada á pataca e o impulso de políticas que favorezan o desenvolvemento rural.