A Xunta Directiva do Padroado solicítalle novamente á RAG que lle dedique o Día das Letras Galegas do 2026 ao poeta limego.

O II Certame Literario Antón Tovar xa ten gañador.

O II Certame Literario Antón Tovar xa ten gañador.

O poema “Voar”, do limiao Daniel Rivero Meno, gaña o II Certame Literario Antón Tovar, convocado polo Padroado do Museo da Limia.

O premio seralle entregado ao galardoado o vindeiro 14 de xuño (sábado) ás 19.00 horas, nun acto público que se celebrará no patio do Museo en Vilar de Santos.

O patio do Museo da Limia acollerá o acto de entrega do galardón do II certame literario Antón Tovar, patrocinado polo Bienestar Hoteles y Resorts SL e a revista Tempos Novos, que dirixe o tamén limiao, Luis Álvarez Pousa. O premio consiste nun bono dunha fin de semana para unha parella, en pensión completa, no Hotel Bienestar Termas de Monção (Portugal) e na publicación da creación gañadora na revista Tempos Novos.

O presidente do Padroado e coordinador da Antoloxía poética de Tovar (Xerais, 2023), Delfín Caseiro, falará do significado da obra do poeta da Pereira.

De seguido daráselle lectura á proposta da Xunta Directiva da asociación, reitendo a reivindicación de que a Real Academia Galega lle dedique o Día das Letras de 2026 ao poeta limiao.

Seguidamente os/as alumnos/as do CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga) lerán un poema do poeta da Pereira.

Finalmente, despois da lectura da correspondente acta, a cargo do secretario do xurado e do Padroado, Xoán Jardón, a súa presidenta, Conchita Rúa, faralle entrega do premio a Daniel Rivero Meno, autor da obra “Voar”.

[A creación poética e narrativa  de Antón Tovar, feita de autenticidade e alta calidade literaria, mantén plena vixencia nos nosos días. A convocatoria deste certame literario Antón Tovar por parte do Padroado do Museo da Limia quere ser unha nova chamada á sociedade galega para que valore o extraordinario legado creativo do autor ourensán.

O Museo da Limia vén promovendo desde o ano 2021, centenario do nacemento de Antón Tovar, unha serie de iniciativas encamiñadas a difundir a obra tovariana e a demandar a dedicación do Día das Letras Galegas ao poeta da Pereira. No ano 2022 foi entregado na sede da Real Academia Galega un completo expediente que recollía varios centos de sinaturas de adhesión da cidadanía e numerosos documentos que se manifestaban neste sentido].