Descobre as turbeiras do Larouco: visita e conferencia o domingo 22

Turbeiras do Larouco. Nov de 2022.
Descobre as turbeiras do Larouco: visita e conferencia o domingo 22

Celebrarase unha andaina e unha conferencia, as actividades son de balde e non é preciso inscripción previa.

Dous profesores da USC presentarán o conxunto de humidais, incluído no 2024 no Inventario de zonas húmidas de Galiza xunto as áreas de Baldriz (Cualedro) e Lagoa Grande (Bande).

Os meses do Larouco retoman o ciclo de actividades nun verán que se anuncia moi intenso na serra, que segue baixo ameaza ao estar incluída nunha ADE (área de desenvolvemento eólico) malia a paralización de tres macropolígonos hai agora dous anos. Organizada por Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova e o Club Parapente Baltar, o domingo 22 de xuño celebraranse unha andaina e unha conferencia para dar a coñecer un dos tesouros que garda o Larouco: as turbeiras, xa catalogadas na súa parte lusa, e agora, por fin, catalogadas e incluídas no Inventario de zonas húmidas de Galiza.

Dous dos autores desde Inventario, que foron os encargados de realizar o estudo sobre este humidal situado moi preto da raia entre Coto Farelo e o Outeiro da Mina, os profesores Xabier Pontevedra-Pombal, do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola (USC), e Marcos Valcárcel, do Departamento de Xeografía (USC), guiarán a visita á zona das turbeiras. O punto de encontro será o Bar O Cepo, en Baltar, ás 09.30 horas do domingo 22 de xuño. Despois de cubrir o traxecto en coche até o despegue Norte do parapente, continuarase a ruta a pé durante unha hora.

Ao regreso, no Centro Social de Baltar, os dous profesores ampliarán a explicación sobre as turbeiras e o seu valor ambiental. O inicio da conferencia está previsto para as 13,15 horas, cunha duración duns 40 minutos. Despois, haberá un xantar no mesmo centro para quen queira traer a comida.

Para esta actividade do ciclo Os meses do Larouco, de balde, non é necesario realizar inscrición previa.

As turbeiras, avanzan os expertos, son un tipo de humidal formador de turba, onde as capas máis novas son incorporadas na superficie, e cada capa representa unha comunidade vexetal específica. Son a principal defensa ante o quecemento climático, e son esenciais para a regulación e a calidade das augas doces. As turbeiras conservan tamén moita información, son as mellores novelas sobre a historia e evolución dos lugares que habitamos.

"Prevese que todas as turbeiras de montaña serán especialmente vulnerables ao cambio climático, polo que a súa conservación, restauración e o uso racional son medidas esenciais e moi rendibles para a mitigación do cambio climático e a adaptación ao mesmo a longo prazo, así como para a conservación da biodiversidade. Nesta liña, a Acción Global sobre as Turbeiras (GAP- Ramsar COP8 - DR 17; Ramsar, 2002) insta, entre outras cuestións, a aumentar o coñecemento sobre os recursos globais de turbeiras e a incrementar o financiamento para desenvolver os plans de conservación destes humidais.", lembra o informe do Inventariado.

E, a respecto da Serra do Larouco, subliñan os investigadores que "dado o destacado da súa diversidade biolóxica e a fraxilidade dos ecosistemas que contén, na zona portuguesa desta serra creouse o biotopo CORINE que comprende a Serra de Larouco e Alto Cávado, conferindo un estatuto de protección especial ás especies que habitan este lugar, e foi incluída no parque nacional de Peneda-Gerês". No caso do sector galego, esta serra, indican, "non está incorporada en ningunha das figuras de protección ambiental, nomeadamente, parques nacionais ou naturais (excluída do Parque Natural da Baixa Limia e da Serra do Xurés), humidais protexidos, rede natura 2000, monumentos naturais, paisaxes protexidas ou reservas da biosfera, quedando excluída no límite este do sector español, non así do sector portugués, da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gêres-Xurés".

Fotografías: visita ás turbeiras en novembro de 2022 para a catalogación do espazo.

Turbeiras do Larouco. Nov. 2022.B