Un centenar de músicas e músicos do Conservatorio acompaña a Civitas Limicorum no seu Forum Musical
O evento forma parte das actividades do XXV aniversario da A.C. Civitas Limicorum
Un espectáculo multidisciplinar con música, danza, loita escénica e imaxes cinematográficas
O Annus Argenteus, co que a Asociación Civitas Limicorum conmemora o seu XXV aniversario, continúa ofrecendo propostas culturais de alto nivel. Un dos momentos máis singulares deste calendario será o Forum Limicorum Musical, que se celebrará o sábado 21 de xuño ás 21:00 horas na Praza de San Roque, cun formato que combina música clásica en directo, danza tradicional, combate escénico e proxeccións audiovisuais.
O evento, de acceso libre para todo o público, contará coa colaboración do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia (unhas 100 persoas) e de Especialistas Hípica Celta, que achegarán movemento e simboloxía a unha noite pensada para emocionar.
O Forum Limicorum Musical busca recrear a maxia da historia a través da arte escénica, unindo diferentes disciplinas nun mesmo espazo urbano convertido en foro simbólico. O repertorio interpretado polo Conservatorio irá acompañado de imaxes de inspiración cinematográfica e coreografías que evocan o mundo castrexo-romano con beleza, contido e solemnidade.
Este evento enmárcase tamén como un acto previo á XXV edición da Festa do Esquecemento, que se celebrará en Xinzo os días 22, 23 e 24 de agosto, e que será unha das edicións máis especiais e ambiciosas da súa historia.
A organización quere, con este tipo de actividades, ir máis alá da tradicional Festa do Esquecemento, apostando por un modelo cultural amplo, integrador e de calidade, que poña en valor o pasado como motor de futuro.